publicidade hoxe

Clausura do curso de vela adaptado en Baiona

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaDeportesDeportes Portada
A-
A+
Rueda e Mato na clausura do curso

Rueda e Mato na clausura do curso

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato salientaron hoxe o compromiso do goberno galego no acceso ao deporte das persoas con discapacidade

Alfonso Rueda, e Beatriz Mato acudiron hoxe ao acto de clausura do Curso de Vela Adaptada 2013-2014, que tivo lugar no Monte Real Club de Iates de Baiona.

Rueda relatou que o Goberno galego está a renovar a Lei de accesibilidade que leva vixente máis de 15 anos, intentando dar solucións a problemas moi básicos do colectivo de persoas con discapacidade. Ademais, lembrou que no último ano asinouse un convenio para mellorar a accesibilidade dos colexios electorais, para garantir o dereito fundamental ao voto, poñendo tamén en marcha iniciativas para que as persoas con discapacidade auditiva poidan contactar co servizo de emerxencias do 112.

Na mesma liña, o titular da vicepresidencia destacou que o acceso ás actividades deportivas estivo durante moito tempo excluído das prioridades nas políticas de discapacidade, e que agora o deporte é un dos eixes do primeiro Plan de Acción Integral para persoas con Discapacidade. Igual que cando se renovou a Lei do deporte, onde se incluíu un artigo específico para contemplar o fomento da actividade deportiva neste colectivo.

Pola súa banda, a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, destacou que o labor que vén desenvolvendo o ‘Monte Real Club de Iates Baiona e as entidades que traballan coas persoas con discapacidade do Val Miñor contribúe a facer de Galicia “unha sociedade máis inclusiva e cun maior nivel de benestar”.

A titular de Benestar destacou que un dos obxectivos do Goberno galego é acadar que a práctica deportiva sexa accesible para todos os galegos e galegas e, neste senso, lembrou que a Consellería de Traballo e Benestar converteu ao deporte nun dos dez eixos operativos do Plan de Acción Integral para a Discapacidade. Tamén lembrou que a Xunta está a executar o Plan Galego para o fomento da actividade física, ‘Galicia saudable’, unha estratexia que contempla a discapacidade de maneira transversal e inclúe medidas de integración específicas para este colectivo.

En definitiva, Mato asegurou que o Goberno galego traballa neste eido nun dobre obxectivo: mellorar a saúde dos galegos e galegas a través do deporte e actividade física e facer de Galicia unha Comunidade máis integradora e inclusiva.

18 de xuño de 2014 | 19:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.