Cita coa observación astronómica en Vilar de Calo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O Concello de Teo fai unha convocatoria pública para observar as estrelas. Será o próximo sábado 14 de xuño en Vilar de Calo, ó carón do local social, e esta actividade de divulgación da astronomía está aberta a calquera persoa curiosa ou interesada no tema. A observación é gratuíta, non é preciso anotarse e comeza ás 23:00 horas.

O Concello de Teo participa no programa TodoCosmos, unha iniciativa de divulgación científica impulsada polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC co que se quere achegar o mundo da astronomía ao conxunto da sociedade a través de actividades indicadas para todas as idades e colectivos.

Deste xeito este sábado calquera persoa pode participar nesta iniciativa e observar as estrelas ou os planetas con potentes telescopios do observatorio astronómico da USC. Ademais do material técnico tamén haberá persoal especializado que dará unha pequena explicación teórica sobre o que se ve no ceo. Estas actividades de observación astronómica xa se fixeron nos colexios de Teo e a intención é que se abran á maior participación posible.

O programa TodoCosmos está financiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e conta coa colaboración de Teo e dos Concellos de Santiago, Ames, Lalín, Rianxo, Ribadeo e Sanxenxo e a empresa Óptica Val.

11 de xuño de 2014 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.