Ciclo de xornadas informativas sobre o mercado eléctrico nos concellos pontevedreses
A Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Unión de Consumidores de Galicia, pon en marcha un ciclo de xornadas informativas sobre o mercado eléctrico actual, baixo o título Electricidade, un camiño cara o aforro.
O obxectivo é dar resposta á evidente necesidade de informar, asesorar e aclarar dúbidas a uns consumidores que nestes momentos se senten desorientados ante os cambios normativos no mercado eléctrico.
Estas xornadas pretenden responder a esta necesidade e seguirán un formato similar ao que no seu día se estableceu para informar sobre o conflito das preferentes. Organizaranse xornadas abertas a todos os cidadáns interesados nunha vintena de concellos da provincia, onde técnicos especialistas da Unión de Consumidores abordarán temas como as opcións existentes á hora de contratar a electricidade; os sistemas de facturación e as diferentes tarifas e prezos aos que se pode acceder ou cuestións que o usuario deberá ter en conta para aforrar na factura, ademais de atender as consultas e dúbidas que expoñan os asistentes ás xornadas.
Nestas sesións poderase obter información sobre os diferentes conceptos polos que se paga nunha factura de electricidade; as diferenzas entre o mercado libre e o mercado regulado e como saber cal convén máis e, incluso, a cal se está acollido na actualidade; así como os criterios para elixir o contrato, a tarifa ou a potencia que mellor se adapte á situación de cada consumidor e, en consecuencia, lle resulte máis económica.
Son cuestións todas elas que están causando un considerable desconcerto entre a sociedade e ás que a Deputación de Pontevedra, no seu compromiso de busca de solucións para os cidadáns, decidiu tratar de dar resposta por medio da estreita colaboración que mantén coa Unión de Consumidores de Galicia.
As primeiras sesións, en Baiona, Caldas de Reis e Cangas
A primeira das xornadas desenvolverase esta mesma tarde en Baiona, ás 19,30 h. no Centro Multiusos Ángel Bedriñana.
A ela seguiralle outra sesión informativa tamén ás 19,30 horas en Caldas de Reis (o xoves 12, no Auditorio municipal) e, ás 18,30 horas, en Cangas, o venres 13 de xuño, no salón de Plenos do Concello.
O luns terá lugar cadansúa charla en Cuntis (na Casa de Cultura Roberto Blanco) e en Mos (no Multiusos As Pozas, en Petelos). Nos dous casos serán ás 19,30 horas.
As xornadas informativas, que son de entrada libre e gratuíta, desenvolveranse ata finais do mes de xuño nunha vintena de concellos da provincia, co obxectivo de achegar a información a todos os interesados.











