Ciclo de cine ‘Chris Marker: A memoria do mundo’ no CGAI
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza do 4 ao 6 de xuño no auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea o ciclo de cine ‘Chris Marker: a memoria do mundo’. Esta iniciativa está dirixida por José Antonio Cascudo e conta coa participación de Julio Vilariño e Isaki Lacuesta.
Este ciclo dedicado ao cineasta francés –recentemente falecido- dividirase en tres sesións que amosarán algúns dos traballos máis significativos do autor co propósito de debuxar as coordenadas básicas da súa obra. Na sesión inaugural o director do ciclo, José Antonio Cascudo, e Julio Vilariño farán unha introdución á figura do cineasta. Todas as sesión comezarán ás 20,30 horas.
O CGAC e a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA) colaboran para convidar ao director de cine Isaki Lacuesta a participar en diversas actividades. O CGAC contará este xoves 5 de xuño coa presenza de Lacuesta neste ciclo de cinema sobre Marker, no que analizará desde unha perspectiva máis artística os achádegos e as liñas de forza do autor francés e falará da súa relevancia no seo da arte contemporánea. Ademais, do 4 ao 6 de xuño, CREA contará con Isaki Lacuesta para impartir un taller de cine na sede da SGAE.
O mércores 4 de xuño presentarase o ciclo e proxectarase o filme ‘Level Five’ dentro da sección titulada ‘Marker entre o real e o virtual. Julio Vilariño falará da derradeira etapa do director. O xoves 5 de xuño contaremos coa intervención do director Isaki Lacuesta que exporá a súa visión sobre o cine de Marker e presentará a súa película homenaxe ‘Las variaciones Marker’. A continuación, sobre ás 21,40 horas exhibirase o filme de Marker ‘La Jetée’. O venres 6 de xuño, dentro do apartado ‘Chris Marker: viaxeiro, poeta, cineasta’ terá lugar a proxección de ‘Sans Soleil’.
A matrícula desta actividade é de balde. As persoas interesadas nun certificado de asistencia deberán inscribirse previamente a través da páxina web do cgac www.cgac.org ou escribir un correo electrónico a cgac.educacion@xunta.es indicando: nome completo, teléfono, correo electrónico e área de estudo, traballo ou interese.











