Chisco e Giralda impoóñense no III Trofeo Capitán de Corveta Jaime Janer – Gran Premio Concello de Marín de Barcos Clásicos

Foto de familia cos premiados
Despois do aciago comezo de regata con anulación da primeira xornada por mal tempo, a segunda e definitiva etapa do III Trofeo Capitán de Corveta Jaime Janer – Gran Premio Concello de Marín para barcos Clásicos e de Época que organizaron a Escola Naval Militar e o Real Club de Mar de Aguete coa colaboración do Monte Real Club de Iates de Baiona e baixo o patrocinio do Concello de Marín e a Deputación de Pontevedra, celebrada este domingo, resultou espectacular.
Ventos de 12 a 18 nós de compoñente suroeste e mar bastante boa permitiron que as embarcacións participantes gozasen dunha gran xornada de regata. Iso si, nalgúns momentos houbo unha pertinaz choiva que aguantaron estoicamente as tripulacións, pero o sol das últimas millas de percorrido fixeron esquecer os chuvieiros previos.
Saída fronte ao Real Club de Mar Aguete ás 12:15 horas tras unha ofrenda floral marítima realizada momentos antes na propia liña de partida gardándose un minuto de silencio en memoria do insigne mariño Capitán de Corveta Jaime Janer, gran valedor de Marín que foi o primeiro director da Escola e Polígono de Tiro Naval da Armada, na que hoxe é Escola Naval Militar. O Comité preparoulles un percorrido de case 14 millas de distancia pasando por unha baliza fondeada fronte ao espigón de Portonovo e tras un novo paso fronte a Aguete e a baliza de Morrazán no centro da Ría, unha gran empopada ata o peirao de torpedos da Escola Naval. Moi rápidos saíron os barcos da Clase Elcano por ser máis lixeiros de desprazamento e menor eslora que os da Clase Galatea. De feito o CHISCO comandou a flota ata metade da proba en tempo real pero moi aburado polo ZARA OF ARRAN que lle gañaba a partida en tempo compensado ata que se tivo que retirar por rotura dun escotero. Pero aos poucos as grandes Goletas foron collendo velocidade ao ir aumentando o vento e o GIRALDA sempre se mantivo nas primeiras posicións da flota ata que no penúltimo tramo o AROUSA impuxo a súa lei gañando en tempo real.
Tras o cómputo de tempos, as clasificacións dos premiados en cada clase foi a seguinte:
División Elcano:
1º) CHISCO (prototiopo Lagos – Augusto Nores – RCN Portosín)
2º) CASSANDRA (Hillyard 36 – Javier Pazó – CN Portonovo)
3º) ZARA OF ARRAN ( Clyde OD – Guillermo Gefaell- RCM Aguete)
División Galatea:
1º) GIRALDA ( Mcpherson Ketch– Andrés López – Comisión Naval Regatas Marín)
2º) AROUSA (Alfred Maylne Ketch – Arturo Bazán – Comisión Naval Regatas Marín)
3º) AGUETE ( Formosa 51 – Antonio Díaz Pache – Comisión Naval Regatas Marín)
4º) SISARGAS (Goleta Essex – Rafael Fernández – Escola Naval A Graña)
A entrega de premios final tivo lugar na propia tarde do domingo no Casino de Oficiais da Escola Naval onde estiveron presentes entre outros, ademais da Alcaldesa de Marín, Dna. María Ramallo, en representación do Almirante Xefe do Estado Maior da Armada, o Contraalmirante D. Antonio Pintos Pintos, Comandante do Grupo de Acción Naval número 1. Tamén presentes o Comandante Director da Escola, D. Juan Luís Sobrino Pérez-Crespo; o concelleiro de Deportes do Concello de Marín, D. Antonio Traba; o Presidente do Real Club de Mar Aguete, D. Guillermo Gefaell e o neto do Capitán de Corveta Jaime Janer, D. Jaime Jaquotot Janer, que entregou o premio especial da familia Janer ao barco mellor conservado que resultou ser o CASSANDRA.











