Chega ao Teatro Colón o musical Pegados que conta con dous premios Max e tres premios Butaca
Estes días pode verse en Alfonso Molina unha pancarta que di: ‘ana y luis se separan. 20 de xuño’. É a campaña de difusión do musical Pegados, que poderá verse no Teatro Colón este venres 20 ás 21.30 horas.
O musical estivo nomeado a cinco premios MAX, dos que obtivo dous galardóns (mellor espectáculo musical e mellor dirección musical), gañou tamén tres premios butaca (mellor musical, mellor composición musical e mellor actriz). A obra conta a historia de dous mozos que despois de coñecerse nunha discoteca teñen unha relación sexual e quedan literalmente pegados. Partindo desta singular situación o equipo artístico constrúe un musical de pequeno formato para tres actores e un pianista. O autor –e tamén un dos protagonistas- Ferrán González ofrécenos un texto fresco e divertido que nos remite ás comedias de situación de maior éxito da televisión.
Xénia Reguant, Isa Mateu e Joan Miquel Pérez completan o reparto deste obra que se caracteriza polos diálogos divertidos e de ritmo frenético entre os dous protagonistas. As cancións van dende as baladas románticas ata a salsa ou os duetos, e dan continuidade á obra ofrecéndolle aos personaxes a oportunidade de darnos información do seu pasado ou falar dos seus ideais de futuro. A acción transcorre na sala de urxencias dun hospital cun piano, unha padiola e un reloxo de parede que dará moito xogo aos actores, permitíndolles manexar ao seu antollo os espazos de tempo.
Música canaria, latinoamericana e boleros no concerto de Los Sabandeños
O sábado 21 ás 21.00 horas o grupo canario Los Sabandeños darán un concerto no que percorrerán unha boa parte do seu repertorio. Os temas nútrense tanto do cancioneiro popular canario coma do latinoamericano ou de xéneros coma o bolero.
Los Sabandeños son todo un referente na música popular con cincuenta anos de historia e máis de setenta traballos discográficos. Un valioso arquivo sonoro que recolle parte do legado tradicional, ademais de cancións de creación propia e versións adaptadas.
As entradas pódense adquirir a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.servinova.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na sede do Centro Sociocultural Novacaixagalicia, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado, 9.00 a 21.00 horas. Ademais, no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche. Os espectadores poden adquirir tamén nos despachos de billetes do Teatro Colón, do Centro Sociocultural Novacaixagalicia e na web de Servinova a Tarxeta Teatro Colón, un programa de abonados con innumerables vantaxes como descontos nunha trintena de locais comerciais da Zona Obelisco ou no hotel NH Atlántico.











