Chaves-Verín promóvese como destino en Expocidades 2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

Do 04 ao 06 de xullo terá lugar en Pontevedra a Mostra de Turismo das Cidades do Eixo Atlántico ‘Expocidades’, na que participarán os municipios integrantes da Eurorrexión, como a Eurocidade  Chaves-Verín, para amosar as súas potencialidades turísticas e promover devanditos territorios como destinos turísticos de proximidade.

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial Eurocidade Chaves-Verín (AECT-ECV) promoverá o destino Chaves-Verín, Eurocidade da Auga, nunha cita que contou con máis de 5.000 visitantes na última edición. A través dun stand conxunto de estética innovadora, os técnicos dos dous municipios amosarán os diferentes recursos termais do territorio transfronteirizo así como información sobre outros produtos turísticos do primeiro destino transfronteirizo da Península Ibérica: Camiño de Santiago ao seu paso pola Eurocidade, oferta hostaleira, gastronómica, termal e actividades culturais e deportivas realizadas en Chaves e Verín.

Pontevedra acolle este ano a mostra ‘Expocidades’ que organiza o Eixo Atlántico. A capital das Rías Baixas sucede a Lugo como escaparate turístico ao que acudirán ao redor de 40 concellos e cámaras municipais de Galicia e Portugal para promover os seus recursos e atractivos. Este ano, ademais do espazo expositivo para as cidades participantes, está prevista tamén a realización de dous show cooking diarios, un de selo galego e outro luso, na Praza de Abastos e haberá tamén actuacións musicais. Este escaparate naceu como unha microfeira de turismo no seo da I Capital Cultural do Eixo Atlántico na cidade portuguesa de Vila Nova de Gaia, e tras o éxito desta decidiuse instituír este evento.

26 de xuño de 2014 | 13:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.