Charla sobre a factura eléctrica en Ponte Caldelas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O Concello de Ponte Caldelas e a Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Unión de Consumidores de Galicia, impartirá unha charla informativa sobre o mercado eléctrico actual, baixo o título Electricidade, un camiño cara ao aforro, que será impartida o mércores día 18 de xuño ás 19:30 horas no Centro Cultural da vila.

O obxectivo é dar resposta ao cidadán, cun nivel de explicación pedagóxico e alcanzable para calquera usuario que teña dificultades á hora de entender o seu recibo eléctrico.

Estas xornadas son de carácter aberto para todos os cidadáns interesados en coñecer temas relacionados co recibo que pagan cada mes ou bimensualmente e o mercado das eléctricas, onde técnicos especialistas da Unión de Consumidores abordarán temas como as opcións existentes á hora de contratar a electricidade; os sistemas de facturación e as diferentes tarifas e prezos aos que se pode acceder ou cuestións que o usuario deberá ter en conta para aforrar na factura, ademais de atender as consultas e dúbidas que expoñan os asistentes a esta charla.

Os técnicos que protagonizarán esta charla debullarán por completo os diferentes conceptos polos que se paga nunha factura de electricidade; as diferenzas entre o mercado libre e o mercado regulado e como saber cal convén máis e, mesmo, a cal se está acollido na actualidade; así como criterios para elixir o contrato, a tarifa ou a potencia que mellor se adapte á situación de cada consumidor e, en consecuencia, lle resulte máis económica.

Son cuestións todas elas que están a causar un considerable desconcerto entre a sociedade e ás que o Concello e a Deputación de Pontevedra, no seu compromiso de procura de solucións para os cidadáns, decidiron tratar de dar resposta por medio da estreita colaboración que mantén coa Unión de Consumidores de Galicia.

16 de xuño de 2014 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.