Cervo reparte entre os catro clubs e sociedades deportivas do municipio 24.000 euros para apoiar a súa actividade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervo
A-
A+

O Concello de Cervo fixo entrega esta tarde dos cheques das axudas ás entidades deportivas para o ano 2014. Un acto no que estivo presente o alcalde, Alfonso Villares, o edil de Deportes, Luis Guillén, e os representantes dos clubs e sociedades de fútbol beneficiarias. Unha xuntanza na que ademais Villares e Guillén aproveitaron para interesarse polas súas necesidades e reivindicacións.  

En concreto, a administración local repartiu 24.000 euros entre as catro entidades, como son o Club Deportivo San Ciprián, a Sociedade Deportiva Cervo-Sargadelos, a Sociedade Deportiva Candelaria e a Asociación Deportiva Cultural San Román. Hai que destacar que estas axudas están financiadas ao completo con fondos municipais e que o Concello vén entregando estas subvencións nos últimos anos como forma de apoiar a actividade deportiva.

Uns importes que os clubs e entidades poden destinar a gastos relacionados coa promoción deportiva, pero tamén á participación en campionatos deportivas federados ou a gastos de funcionamento, conservación, mantemento ou reparacións menores, sempre que non sexan considerados investimentos.

Para o edil de Deportes, “esta subvención ten un impacto moi positivo nas entidades deportivas, porque é unha forma directa de colaborar con elas e coa súa actividade, fomentando o seu dinamismo e, ao mesmo tempo, promovendo o deporte de base e o fútbol en xeral”.

18 de xuño de 2014 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.