Cervo presenta os Pasatempos de Verán con actividades deportivas, lúdicas, festivas, educativas e culturais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervo
A-
A+

O Concello de Cervo presentou hoxe os Pasatempos de Verán (I) nos que os veciños e veciñas poden informarse de todas as actividades que se porán en marcha no municipio no mes de xullo. Ata o de agora, os Pasatempos chegaban aos fogares cervenses de forma trimestral, coincidindo coas estacións do ano, pero nesta ocasión o Concello optou por publicar dous folletos no verán, un coas actividades de xullo e outro coas de agosto e setembro.

Unha decisión que ten que ver co volume tan elevado de eventos e actos que hai programados para a temporada estival, e que farían que o folleto de verán non fose manexable nin operativo.

En canto ás actividades, como é habitual, hainas para todas as idades, moitas delas pensadas para facerse ao aire libre aproveitando o bo tempo, tanto deportivas, como lúdicas, festivas, educativas ou culturais. Da mesma maneira, as actividades programadas polas asociacións, e coas que colabora o Concello, teñen unha grande importancia nos Pasatempos.

“O noso obxectivo cos Pasatempos é informar aos veciños de todas as actividades que ao longo do ano programan o Concello e as asociacións. Porque cremos que dándoas a coñecer a través dun folleto manexable e dispoñible en todas as casas é unha boa forma de convidar á poboación a asistir, a participar e a manter vivo o municipio” asegura o alcalde de Cervo, Alfonso Villares.

Pasatempos de Verán (I)

Como ocorre en todos os Pasatempos, hai certas actividades que se manteñen no tempo e que se repiten ano tras ano despois de comprobar o seu éxito, como é o caso dos Enredos de verán (Concello/ANPA CEIP Cervo nº1) ou das Noites Alternativas, dous programas de referencia na época estival en Cervo. Tamén repiten os Encontros Abertos de Música para Mozos. En canto ás novidades, pódese destacar o programa Repasando en vacacións (Concello/ANPA CEIP Cervo), de continuación e apoio ao estudo, os Talleres de supervivencia doméstica para mozos, ou a navegación de radio control e exhibición de barcos estáticos na piscina de Lieiro. Da mesma maneira, tamén se contemplan as festas patronais destas datas, como as de San Pedro da Senra, as de Santa Isabel de Lieiro ou as da Virxe do Carme de San Ciprián.

Actividades deportivas

Teñen moito peso nos Pasatempos de Verán. Ademais das xa mencionadas Noites Alternativas, hai que destacar as sesións de zumba ao aire libre, o Día do Deporte (Comisión de Festas do Carme/Concello de Cervo), a Regata de bateis (Amigos do Mar/Concello de Cervo), o Día da Bicicleta (Comisión de Festas do Carme/Concello de Cervo), o II Torneo de Pádel Concello de Cervo, ou a Baixada de Skate (Club Limosa Surf/Concello de Cervo).

Exposicións

As mostras tamén teñen especial presenza neste programa. A primeira vaise inaugurar este luns na Casa da Cultura e trátase da exposición de pintura de Tino Soto, veciño de San Ciprián, cunha longa traxectoria artística e que foi o deseñador de moitos carteis anunciadores da festa da Maruxaina. No mes de xullo tamén se poderá ver a mostra “51 páxinas das nosas letras”, da man do Parlamento de Galicia e a Xunta e que se abrirá nas Carboeiras o 7 de xullo. E a mediados de mes arrincará na Casa da Cultura a mostra sobre os traballos manuais que fan na Asociación Mulleres de San Ciprián.

26 de xuño de 2014 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.