Cedeira organiza unha excursión ao Festival galego da Terceira Idade que se celebra en Melide
O Concello de Cedeira organiza unha excursión a Melide o próximo 6 de xullo para asistir á XXI edición do Festival galego da Terceira Idade, cita na que se integra o certame de beleza para elixir á Miss e ao Míster nesa franxa de idade. Un concurso no que os cedeireses tradicionalmente acadan sempre algún título. Así, no 2012, a veciña Herminia Díaz era coroada Miss Galicia e José Leonardo Ríos, Míster Guapo, e no 2013, Dolores Rodríguez lograba a banda de Miss Simpatía. Nesta ocasión, o festival terá como mestra de cerimonias a Pili Pampín e tamén acollerá o campionato galego de pasodobles. Así, os maiores que estén interesados en acudir a Melide poden inscribirse xa na excursión. Para isto, deben anotarse no Centro de Maiores Municipal, ubicado no parque do Sagrado Corazón. A excursión realizaráse en autocar con hora de saída ás 8, e incluirá o xantar. O prezo é de trinta euros. A viaxe forma parte do programa municipal de excursións deseñado para que os maiores compartan tempo, fomentar as relacións sociais e ofrecer un ocio activo para a Terceira Idade.











