Cedeira investirá 159.000 euros na posta en valor de San Andrés de Teixido
O alcalde de Cedeira, Luis Rubido, anunciou esta mañá que San Andrés de Teixido recibirá este ano un investimento de 159.948,67 euros procedentes da Xunta de Galicia no marco da terceira fase do programa para a posta en valor deste emblemático lugar, segundo centro de peregrinaxe de Galicia tan só por detrás de Compostela. Así se establece no convenio de colaboración que vén de suscribir o rexidor coa Axencia de Turismo de Galicia, que aportará o 100% dos fondos económicos. Estes, segundo avanzou Rubido, irán destinados á recuperación de elementos singulares do núcleo de Teixido tales como hórreos e fontes e, tamén, para levar a cabo a homoxeneización dos postos de venda dispostos polos veciños e dotalos de personalidade propia. Neste último caso, en base a un estudo previo arquitectónico asinado por Pablo Tomé e Oscar Alba.
Un convenio que nace das xestións levadas a cabo polo alcalde e que se concretaban hai uns meses nun encontro en San Andrés coa delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo; representantes da Fundación Artesanía de Galicia e os propietarios dos postos de venda ubicados no entorno do santuario cedeirés. O obxectivo común desta terceira fase, así como das anteriores, non é outro máis que a posta en valor de San Andrés erradicando o feísmo e convertindo o lugar nun exemplo da arquitectura tradicional galega, potenciando ao tempo o seu poder turístico.
Xa coa segunda fase, e tamén a través da Axencia Turismo de Galicia, se destinaban 100.000 euros a obras de mellora das fachadas das 22 vivendas unifamiliares que compoñen o pequeno núcleo poboacional. Unha intervención que contribuiu a dar unidade estética á zona en base a un estudo cromático no que predominaron as cores branco e terracota. Así mesmo, Luis Rubido tamén sinalou que en datas próximas a Deputación provincial formalizará a concesión dunha achega para financiar as obras necesarias para realizar a traída das augas a San Andrés. Intervención de captación e construcción da rede que, sen dúbida, facilitará o desenvolvemento da hostelería en Teixido.











