Cedeira impulsa a posta en marcha das primeiras vivendas tuteladas para maiores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

Cedeira podería contar a medio prazo coas primeiras vivendas tuteladas para persoas maiores. Así o anunciou o alcalde, Luis Rubido, despois de realizar as xestións oportunas para facer real unha fórmula implantada con éxito en diferentes países da UE como Holanda, Alemaña ou Reino Unido e que, nos últimos tempos, está a tomar forma en España para dar resposta á escasa oferta de residencias e centros de día. O seu éxito en Cedeira dependerá da demanda que reciba e, para coñecela, o rexidor avanzou que o departamento municipal de Servizos Sociais abrirá un prazo de información e solicitudes.

Pero, ¿en que consistirán as citadas vivendas tuteladas? Luis Rubido sinala que, despois dunha serie de reunións de traballo, unha promotora inmobiliaria mostrou a súa disposición a destinar unha promoción de 25 vivendas en pleno centro urbano a este fin. Deste modo, o inmoble adquire carácter social e, doutra banda, se dá saída a unha bolsa de vivendas actualmente baleiras, pendentes de comprador. A través da súa reconversión en vivendas tuteladas, facilitaríase o seu aluguer a aqueles maiores que solicitasen participar no programa. Cun prezo menor respecto ao dunha praza nunha residencia xeriátrica. A maiores do disfrute da vivenda, os inquilinos accederían aos servizos que se prestarían no edificio. Un espazo común con servizo de comedor e lavandería, entre outros.

O alcalde apunta que os potenciais beneficiarios serían maiores de 60 anos empadroados no municipio con plena autonomía persoal, tanto física como psíquica, con capacidade para desempeñar as tarefas cotiás da vida diaria como vestirse, asearse, desprazarse ou alimentarse. Responsabilizaránse das tarefas propias do fogar e compartirán outras como o coidado dos espazos comúns. A iniciativa favorecerá así as relacións entre persoas do colectivo, evitando o seu illamento e mellorando a súa atención. Poden ser vivendas unipersoais ou ben aloxar a parellas, irmáns ou familiares. E, con elas, non só se cubrirán as necesidades de aloxamento, senón que tamén se garante a manutención a través do servizo de comedor e a seguridade, así como certos servizos de atención médica.

O seu principal obxectivo é favorecer a permanencia das persoas no seu entorno habitual, garantindo unha boa calidade de vida, alongando a súa autonomía funcional e social grazas a un sistema de vida comunitario que fomente a participación dentro dun pequeno grupo. O illamento, a soidade e o desarraigo son sentimentos comúns entre os maiores que se busca combatir coa iniciativa, creando un ambiente semellante ao familiar. Agora, o seguinte paso será abrir un prazo para a presentación de solicitudes nos Servizos Sociais.

4 de xuño de 2014 | 20:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.