Catorce modalidades culturais, deportivas e sociais forman o programa de actividades de verán na Laracha
O Concello da Laracha presenta o completo programa municipal de actividades de verán que se desenvolverá durante os meses de xullo e de agosto e que inclúe un total de catorce propostas culturais, deportivas e sociais.
Este verán o Concello dará continuidade ás actividades mellor valoradas polo público en anteriores edicións en base ás cifras de participación rexistradas en cursos pasados e á aceptación que tiveron pola veciñanza en xeral.
Aínda que tamén hai propostas nas que se convida a participar ao público adulto, a maioría das actividades van dirixidas aos nenos. O obxectivo é axudar á conciliación laboral e persoal das familias con cargas, ofrecendo unha ampla programación que se desenvolverá durante case todos os días laborables dos meses de xullo e agosto, isto é, durante a época de vacacións de verán nos centros escolares.
O prazo de inscrición abrirase o luns día 23 de xuño. Deben formalizarse acudindo ao Concello da Laracha en horario de oficina.
Campamentos de Caión e urbanos para os nenos
O programa porase en marcha no último día do mes de xuño co inicio da primeira quenda dunha das propostas clásicas como son os campamentos de verán de Caión. Nesta primeira semana (do 30 de xuño ao 4 de xullo) poderán participar rapaces nados entre os anos 2003 e 2006. A segunda quenda, do 7 ao 11 de xullo, é para rapaces que naceron entre 1999 e 2002.
En ambos casos o autobús recollerá cada día aos nenos na Praza do Concello ás 10.00 e regresará ás 18.00 horas. O Concello da Laracha faise cargo do transporte, a comida e as actividades a realizar en Caión. Os participantes soamente asumirán os custos da entrada ao aquapark de Cerceda e da xornada multiaventura programadas no calendario de actividades a realizar durante toda a semana.
Para cada unha das quendas hai un límite de cincuenta prazas, que serán outorgadas por orde de inscrición.
Os nenos de 3 a 7 anos de idade tamén terán campamentos, neste caso urbanos e de educación en igualdade, que se desenvolverán na capital municipal da Laracha en horario de mañá. A primeira quenda será do 7 ao 11 de xullo e a segunda, do 4 ao 8 de agosto.
Campus de fútbol e de baloncesto
Outras das propostas habituais do programa de actividades de verán son os campus dos deportes máis practicados no municipio. O de fútbol será do 14 ao 19 de xullo no Campo Municipal da Laracha. A quenda dos nenos de 5 a 9 anos irá das 10.00 ás 12.00 horas. Das 12.00 ás 14.00 participarán rapaces con idades comprendidas entre os 10 e os 15 anos.
O campus de baloncesto terá lugar entre os días 28 e 31 de xullo e vai dirixido a rapaces de entre 5 e 14 anos. Desenvolverase de 11.00 a 13.00 horas no pavillón municipal da Laracha.
Actividades náuticas en Caión
A localidade costeira de Caión acollerá as actividades náuticas, en cuxa organización o Concello conta coa colaboración do club Caión na Onda. Propóñense cursillo de iniciación ao pádel surf (7 de agosto, maiores de 10 anos) e ao surf (28 de agosto, maiores de 8 anos) en horario de mañá.
Día da Bicicleta e rutas en bicicleta de montaña
O 10 de agosto será o Día da Bicicleta no Concello da Laracha. Trátase da 27ª edición da que, previsiblemente, será a xornada máis multitudinaria do verán. O percorrido comezará ás 11.00 na Praza do Concello, pasarase por Paiosaco e rematará en Caión. Convídase a participar a persoas de todas as idades.
Ademais, para os veciños do municipio que dispoñan dunha bicicleta de montaña e que sexan maiores de 8 anos, haberá catro rutas nas mañás dos sábados 12 e 19 de xullo e 2 e 30 de agosto que se van realizar coa colaboración do club Laracha en Dúas Rodas.
Outras propostas do programa
Na programación de verán tamén haberá cabida para os cursos de manualidades e pintura, que se realizarán en sesións semanais de dúas horas de duración (11.00 a 13.00 horas) nos meses de xullo e agosto. A quenda dos xoves vai dirixida a nenos de 4 a 8 anos e a dos venres, a rapaces de idades comprendidas entre os 9 e os 17.
O 24 de xullo realizarase o torneo de fútbol 3×3 no Campo municipal A Porta Santa de Paiosaco, estando aberta a inscrición a nenos de 5 a 11 anos.
Os nenos de 5 a 8 anos poderán disfrutar dunha xornada de xogos recreativos na piscina municipal da Laracha o día 20 de agosto.
Por último, salientar as saídas que se realizarán para disfrutar do aquapark de Cerceda (22 de xullo e 5 de agosto), practicar kayak no río Eume (26 de agosto) e ráfting no río Ulla (19 de agosto).











