Catorce medallas galegas no campionato de España sub 21 de taekwondo
Galicia logrou hoxe catorce medallas (once da selección e tres de clubs) no Campionato de España sub 21 que se celebrou esta fin de semana en Marina D´Or (Castellón). A selección galega sumou tres ouros, unha prata e sete bronces, aos que hai que sumar o bronce de Luis Reiriz (do Mat´s) e as pratas de Miguel Martínez (Natural) e Sara García (Dobok), presentados polos seus clubs. Ademais, na clasificación por equipos Galicia foi prata na categoría masculina e feminina e bronce na xeral, polo que se melloraron e moito os resultados do pasado ano.
Os tres ouros galegos foron para Sara Cortegoso (Mace Sport), Xián Silva (Mace Sport) e Pablo Fernández (Mat´s). Sara Cortegoso (-46) logrou o título tras superar na final á representante de Valencia por 13-9. Neste mesmo peso, Alba Caamaño (Suh Sport) acadou a medalla de bronce, polo que houbo un podio moi galego.
Xián Silva, subcampión de Europa júnior no 2013, logrou un novo éxito para o seu curriculum deportivo. Nesta oportunidade proclamouse campión de España sub 21 en -80 quilogramos. Na final enfrontouse a Lluis Mas (Cataluña) ao que superou por un contundente resultado (11-4).
O terceiro ouro foi para Pablo Fernández en -87 quilogramos. O galego gañou na final ao representante de Valencia (6-4), mentres que David González (As Sport) logrou a medalla de bronce.
Galicia acadou tres medallas de prata. Como membro da selección galega, o segundo posto foi para Sabela López (Patiño, +73), quen caeu na final contra Mariona Leyes (Cataluña) por un axustado 4-2. Ademais, Sara García, que foi presentada polo seu club (Dobok), logrou a medalla de prata en -57 tras caer na final contra Madrid (10-8). Con anterioridade, en semifinais, Sara gañou a Ainara Brión (Natural Sport), que logrou a medalla de bronce.
O deportista do Natural Sport Miguel Martínez, en -54 quilogramos, fixo un gran campionato. So caeu na gran final nun axustado combate (5-3) contra Jesús Tortosa, campión do mundo júnior e bronce no Europeo absoluto. Unha prata con moito sabor.
E o resto dos bronces foron para Beatriz Parada (Natural Sport, -49), Ainhoa Ramos (-63, Luar), Lucía Viéitez (Sares TKD, -73), Adrián Jiménez (-58) e Luis Reiriz (Mat´s, -63).
O pasado ano a selección galega de taekwondo logrou un total de once medallas (oito bronces e tres pratas) no Campionato de España sub 21, que se celebrou en Oropesa. Por equipos, Galicia logrou o bronce na categoría feminina.











