Cangas solicita a adhesión ao programa “Coidarte 2014”
O equipo de goberno, a través da petición da concellería se Servizos Sociais, Sanidade e Muller aprobou na Xunta de Goberno celebrada onte mércores día 11 de xuño, a solicitude de adhesión ao programa de balnearios diúrnos “Coidarte2014” promovido pola Deputación de Pontevedra.
Esta iniciativa ten como finalidade fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas, establecendo novas relacións sociais e favorecendo a participación en actividades que favorezan o seu estado anímico, potenciando movementos de participación e cooperación social, promovendo espazos de encontro e intercambio de experiencias e a súa independencia e evitando o illamento e as situacións de soidade.
Poderán beneficiarse deste programa todas aquelas persoas nacidas con anterioridade ao ano 1964, este incluído, os xubilados ou pensionistas ou aquelas persoas que precisen dun respiro familiar cun informe xustificativo do Traballador Social do Concello.
Os Concellos serán os encargados de financiar unha parte da contía do prezo dos balnearios para o número de usurarios que soliciten. Cangas presentou no seu formulario de solicitude un total de 80 prazas. Os custo do programa subvencionado oscila entre os 19 e os 71 euros para cada usuario dependendo do balneario.
Preparando a temporada estival
Coa finalidade de que todo estea a punto de cara a próxima temporada de verán a Xunta Local de Goberno tamén aprobou onte, través da concellería de Turismo, unha solicitude de subvención ante consellería de Traballo conforme á Orde do 22 de maio de 2014 de Fomento do Emprego en Colaboración con Entidades Locais para a contratación de 20 socorristas e 4 patróns que permitan mellorar a seguridade nos areais da vila durante dous meses de verán.
De ser concedida esta axuda, estes socorristas sumaríanse aos contratados polo Concello, dando lugar a un total de 35 socorristas e 7 patróns que velarán pola seguridade dos bañistas.
Tamén na Xunta Local de Goberno aprobouse a concesión de licencias de apertura para a instalación de quioscos desmontables en terreos privados durante a temporada de verán 2014. Ata o de agora foron 10 as licencias tramitadas e espérase que esta cifra aumente.











