Cangas porá en marcha a segunda campaña do banco de libros
Tras dous meses de campaña de sensibilización nos diferentes centros escolares do municipio, a concellería de Educación, Cultura, Patrimonio, Xuventude e Voluntariado presentou esta mañá a segunda edición do “Banco de Libros de Texto Municipal” que permitirá ás familias con alumnos e alumnas de educación primaria e secundaria reducir gastos ao tempo que xeran un enriquecemento de valores cara o alumnado.
Na presentación estiveron presentes o concelleiro desta área José Luis Gestido, representantes da Federación de Anpas “A Gameliña” e técnicos municipais.
Esta iniciativa, que se puxo en marcha en Cangas por primeira vez o pasado ano, ten como obxectivos reducir o impacto económico para as familias na adquisición de libros de texto e material, fomentar o coidado dos libros como valor educativo e cultural, promover a propiedade social, contribuír á conservación do medio ambiente, exercitar a solidaridade e cooperación como valor na sociedade e promover a colaboración e interrelación da comunidade educativa.
Esta segunda campaña do banco de libros comeza este luns día 23 de xuño coa apertura do prazo de presentación de solicitudes que rematará o próximo 15 de xullo. Dende o día 16 de xullo e ata o 22, os responsables do proxecto realizarán un estudo sobre as solicitudes presentadas e a partir do 28 de xullo publicarase o listado de solicitudes admitidas.
Ademais, este luns iníciase a recollida dos libros que as familias desexen donar ao banco. Así pois, poderán ser entregados os libros no Centro Municipal de Benestar Social entre os días 23 de xuño e 15 de xullo en horario de 10:00 a 13:00 horas. Como novidade este ano, habilitaranse puntos de recollida de libros no CEIP Hío, os días 26 e 30 de xuño de 10:30 a 13:30 e no CEIP Espiñeira do 23 ao 30 de xuño entre as 10.00 e as 13:00 horas; coa finalidade de facilitar a entrega ás persoas desas parroquias que se atopan máis afastadas do centro da vila.
O concelleiro de Cultura afirma que se trata “dunha iniciativa necesaria nos tempos que corren” coa que se pretende sensibilidar á sociedade, fomentar á colaboración cidadá e evitar o despilfarro de libros dando solución ao problema de moitos que rematado o curso non saben que facer con eles.
Dende a Federación de Anpas “A Gameliña” destaca a importacia deste proxecto que supón un importante aforro para moitas familias nestes tempos de crise e que ademais inculca aos máis pequenos valores coma o de compartir e o respeto polos libros.
Nesta actividade participan os Centros escolares do Concello de Cangas, a Federación de Anpas A Gameliña, a Anpa do IES Rodeira, a Anpa do IES Montecarrasco, a Anpa do CEIP Espiñeira, e “Cangas Voluntaria” organización de voluntariado do Concello de Cangas.











