Cangas dinamiza a praza de abastos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

A Praza de Abastos de Cangas acollerá o próximo martes día 1 de xullo a campaña “Come o Mar” promovida polo Grupo de Acción Costeira (GAC) en diferentes municipios pertencentes ao GAC 7.

Esta iniciativa ten como obxectivo promocionar os mercados municipais como dinamizadores da súa área de influencia, destacando a calidade e excelencia dos produtos baixo o lema “Mercados de Calidade”. Así mesmo, trata de incentivar o consumo san e responsable ao tempo que se pon en valor a calidade, a información, e o trato próximo que tanto praceiros coma praceiras proporcionan aos seus clientes.

A partir das 11.30 horas realizarase un “Obradoiro de Productos do Mercado”, dunha hora e media de duración, que contará coa presentación dun menú elaborado polos praceiros/as; as explicacións a mans de biólogos sobre os produtos do mar que ofrecen as Prazas de Abastos; nocións informativas sobre os grupos alimenticios (pescados, carnes, froitos e verduras) e os seus beneficios e propiedades nutricionais; consellos para a identificación de especies procedentes da pesca e o marisqueo; unha exposición de distintas espcies de pescados crustáceos e moluscos e unha demostración de procesado de diferente produtos. Tamén haberá unha degustación dun “Pincho praceiro pracenteiro” e un taller para os máis pequenos sobre produtos do mar.

Berta Pérez afirma que esta “é outra das medidas que dende a concellería de Comercio e Consumo acollemos e agradecemos para poñer en valor o noso patrimonio gastronómico por excelencia tal e como facemos coa Feria da Tapa” que hoxe se inicia e grazas á cal ata o vindeiro 6 de xullo os usuarios poderán probar as diferentes tapas dos 43 establecementos hostaleiros do municipio que participan neste certame.

26 de xuño de 2014 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.