Cangas contratará 18 peóns e 2 conserxes con cargo ao plan de conservación da Deputación
O Concello de Cangas poderá contratar a 20 persoas, 18 peóns e 2 conserxes, ao abeiro do “Plan de Conservación e Funcionamento de Bens e Servizos Municipais” promovido pola Deputación de Pontevedra.
Esta iniciativa vai dirixida a persoas desempregadas que non reciban prestacións, con excepción do RISGA, RAI ou PREPARA, maiores de 16 anos que estean inscritas no Srervizo Público de Emprego de Galicia como demandantes de emprego.
Así pois, o Concello poderá contratar a 4 peóns varredores, 6 peóns para desbroces, 4 peóns albaneis, 2 peóns para a sinalización de rueiros, 2 peóns pintores e 2 conserxes para centros públicos, que traballarán 25 horas semanais por un período de 6 meses.
Esta mañá, máis de medio centenar de candidatos, que foron preseleccionados pola Oficina de Emprego de Cangas, reuníronse no salón de plenos da casa do concello para recoller as bases das probas que terán que realizar para optar aos diferentes postos. Por cada unha das prazas ofertadas tres persoas participarán no proceso selectivo aínda que hai algúns aspirantes que se presentan a máis dun posto.
O proceso de selección terá lugar o vindeiro xoves 26 de xuño a partir das 9.30 horas. Os candidatos deberán realizar un exercicio práctico e/ou contestar preguntas formuladas polo Tribunal, sobre as técnicas de traballo e ferramentas utilizadas polos peóns en cada servizo, o uso de medios técnicos coma teléfono ou fotocopiadora e coñecementos de informática a nivel usuario para os que aspiran aos postos de conserxe











