Cangas colabora co Laboratorio Radón de Galicia nun estudo para medir a concentración deste gas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasLocal Portada
A-
A+

O concello de Cangas a través da área de Medio Ambiente está colaborando co Laboratorio Radón de Galicia, vinculado á Universidade de Santiago de Compostela, na súa labor de investigación sobre as zonas máis afectadas pola concentración deste gas na comarca e na totalidade do territorio galego.

Dende finais da década dos 80 veñen realizándose en España estudos sobre as atas concentracións deste elemento químico nalgunhas zonas da península entre as que se atopa Galicia.

Ao longo dos anos estas investigacións demostraron que as persoas que viven en domicilios con altos niveis de Radón sofren un maior risco de padecer cancro de pulmón. Concretamente diagnostícanse entre dous e tres persoas expostas por cada un dos diagnosticados non expostos.

Un dos principais problemas nace do descoñecemento de gran parte da poboación sobre se os seus domicilios están expostos ou non á influencia deste gas. Por iso Laboratorio Radón de Galicia, a través do seu servizo de medicina integrada ofrece a todos os galegos e galegas a posibilidade de medir o grado de exposición dos seus fogares.

O laboratorio fai chegar aos interesados un detector que cada usuario debe colocar durante un período de tres meses en diferentes puntos do seu domicilio. Isto permite o cálculo da concentración media diaria de Radón durante o tempo de medida cun axuste á época do ano na que se realiza o estudo. Unha vez finalizada a fase de medición o detector será enviado de novo aos especialistas que avaliarán os resultados.

Durante estes días o concello de Cangas repartiu unha serie de detectores, proporcionados polo Laboratorio Radón de Galicia, entre varios veciños do municipio coa finalidade de que estes poidan coñecer a concentración deste gas nos seus fogares e tomar as medidas necesarias.

A presenza de Radón no interior dos domicilios depende de múltiples factores como o substrato xeolóxico sobre o que estea asentada ou do grao de illamento da vivenda.

Actualmente existen varios procedementos para reducir a concentración deste gas nobre coma a ventilación da casa durante dúas horas, o cal permite unha redución do 20%, ou métodos máis efectivos coma o peche de fisuras e gretas ou realizar aberturas de aireación en sotos e entrecháns que son os lugares onde maior concentración se rexistra.

O concelleiro de Medio Ambiente Jesús Graña recalca a importancia de dar a coñecer este tipo de problemas á veciñanza para que sexan conscientes e poidan levar a cabo as diferentes labores de prevención necesarias. O edil sinalou que “ dende o concello xa distribuímos a totalidade de detectores que nos facilitou o laboratorio” pero os interesados en recibir máis información sobre a concentración de Radón nas súas vivendas poden facelo a través do enderezo electrónico laboratorioradon.galicia@usc.es.

Graña tamén quere sinalar que dende o concello sempre estarán abertos a colaborar con este tipo de iniciativas e indica que os resultados de medición dos detectores repartidos servirán para elaborar unha estatística a nivel comarcal e atonómico sobre a existencia de concentración de Radón.

4 de xuño de 2014 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.