Cangas acollerá a presentación da Liga Galega de Traíñas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

Hoxe presentouse no Salón de Plenos do Concello de Cangas a regata contrarreloxo que servirá para presentar a Liga Galega de Traíñas e que terá lugar o próximo sábado fronte a praia de Rodeira. No acto estiveron presentes o alcalde de Cangas José Enrique Sotelo, o presidente da Liga Galega de Traíñas Andrés Fernández, o presidente do C.R. Vila de Cangas e a directiva María de Carmen Rodal.

Sotelo sinalou o magnífico lugar no que será disputada a proba así como agradeceu a confianza depositada pola Liga Galega de Traíñas para organizar este evento ademais de felicitar o traballo realizado pola directiva do C.R. Vila de Cangas, “un club histórico, cunha gran pegada na historia da nosa vila” afirmou. “Pese a todas as vicisitudes no camiño, o club está a desenvolver a promoción escolar deste deporte o que estou seguro que servirá para incrementar a súa práctica que permita crear un equipo potente como os de outros pobos” declarou.

O presidente do C.R. Vila de Cangas Camilo Nores amosou a súa satisfacción polo feito de que este evento sexa en Cangas, “que servirá para apuntalar a afección ao remo”. “Para nós o feito de que se dispute fronte a praia de Rodeira é algo moi emotivo xa que a orixe do noso club está no barrio de O Forte e da praia onde naceron moitos remeiros” destacou.

Pola súa banda o presidente da Liga Galega de Traíñas Andrés Fernández explicou que o sábado ás 17.30 horas comezará a regata contrarreloxo, unha modalidade de regata máis vistosa e que se adapta mellor as condicións do campo de regata. A proba servirá como punto de inicio da liga que conta con tres categorías: masculina A, masculina B e feminina. Neste senso destacou a aposta clara da organización pola categoría feminina que o ano pasado non foi constituída.

Ás 20.00 horas terá lugar na Alameda Vella da Vila un acto de presentación oficial da Liga Galega de Traíñas coa presenza de autoridades e no que desfilarán todos os equipos participantes nas diferentes categorías.

25 de xuño de 2014 | 18:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.