Cambre é un dos tres concellos galegos elixidos para un programa de conciliación europeo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambreLocal Portada
A-
A+

Cambre recibiu hoxe a visita do equipo técnico do programa europeo “Equilibrio-Balance: por unha conciliación responsable”, que se desenvolverá en 17 concellos, 15 españois e 2 noruegueses, durante o próximos tres anos. Realizado no marco da cooperación establecida entre os países do Espazo Económico Europeo (EEE) e o Goberno de España, o Proxecto Equilibrio conta coa colaboración da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e da Asociación Norueguesa de Autoridades Locais e Rexionais (KS) e ten como finalidade principal fomentar a conciliación e a corresponsabilidade no ámbito local. Hoxe o equipo técnico que leva a cabo a fase do diagnóstico do municipio entrevistouse cos colectivos do concello, ANPAS, asociacións de veciños, tecido empresarial e varios traballadores de empresas municipio co obxectivo de recoller as demandas destes colectivos en materia conciliación familiar-laboral. Os concellos seleccionados, pertencentes a dez Comunidades Autónomas, son: Madrid, Majadahonda (Madrid), Almería, Cádiz, Xaén,  Candeleda (Ávila), Torrepacheco (Murcia), Cambre (A Coruña), Verín (Ourense) Vilagarcia de Arousa (Pontevedra), Barakaldo (Biscaia), Mérida (Badaxoz), Pedro Muñoz (Cidade  Real), Cabezón de la Sal (Cantabria) e Eivissa (Baleares). Por parte de Noruega participarán as municipalidades de Kristiansand e Hamar. Para a realización dos plans de conciliación, as localidades participantes contarán con asistencia técnica que lles dará apoio durante o tres fases do programa: diagnóstico da situación, elaboración do plan de conciliación cunha perspectiva integral e aplicación e seguimento do mesmo. O proxecto, que ten en conta experiencias anteriores, ofrece unha serie de novidades como a participación dos axentes sociais locais (sindicatos e empresas) e de entidades educativas e cidadás. Tamén se contempla a posibilidade de, ademais do apoio técnico, proporcionar apoio económico para aquelas medidas de maior interese ou carácter innovador e que se consideren relevantes como boas prácticas exportables a outros ámbitos, por exemplo medidas de fomento de gardarías en polígonos industriais, acordos para a regulación e compatibilización de horarios, bancos de tempo ou accións de formación e sensibilización en conciliación e corresponsabilidade.

18 de xuño de 2014 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.