Brión organiza dúas rutas de sendeirismo para o mes de xuño
O Concello de Brión vén de convocar dúas novas rutas de sendeirismo para este mes de xuño, que terán como destino un vello coñecido como é a Costa da Morte (A Coruña) e un totalmente novo como é A Guarda (Pontevedra). Dúas rutas que terán lugar os sábados 14 e 28 de xuño, respectivamente, e para o que xa está aberto o prazo de inscrición na Casa da Cultura de Brión. O prezo é de 8 euros por persoa e viaxe.
O primeiro dos roteiros terá lugar o sábado 14 de xuño entre as praias de Nemiña (Muxía) e Mar de Fóra (Fisterra). Trátase de 20 quilómetros de dificultade media-alta, xa que a expedición seguirá un camiño costeiro entre ambas praias disfrutando dunhas paisaxes privilexiadas nesta zona de cantís na Costa da Morte. O roteiro rematará na praia de Mar de Fóra, detrás da vila de Fisterra.
A segunda ruta terá lugar o sábado 28 de xuño no municipio de A Guarda. Serán 19 quilómetros de dificultade baixa, polo que está recomendado para todas as idades. A expedición fará un percorrido pola costa pontevedresa e fará un xantar especial no Monte de Santa Tegra, ata onde se subirá en autobús.
Como en edicións anteriores, o prezo de participación será de 8 euros por persoa e hai convocadas 50 prazas, que serán adxudicadas por orde de inscrición na Casa da Cultura ou no teléfono 981 50 99 08. En ambos casos, a expedición sairá en autobús ás 8:30 horas da Carballeira de Santa Minia, a onde volverá pasadas as 20:00 horas. Dende o Concello de Brión lembran que é preciso levar comido tipo pícnic para xantar e recomendan levar bebidas para o camiño, así como calzado e roupa axeitados.
Estas será a quinta e sexta ruta que se celebra dentro do Programa de Sendeirismo do Concello de Brión 2014, que está a rexistrar unha media de 100 participantes por iniciativa (o que obrigou ao Concello a poñer un segundo autobús nas sesións celebradas nas Fragas do Eume, en Carnota, entre o Castro de Baroña e Corrubedo e pola Ribeira Sacra).











