Brión acollerá a exposición de pintura “Momentos” de Jesús Pereira ‘Suly’

Inauguración da mostra pictórica
A sala de exposición de Brión acolle dende esta fin de semana a mostra “Momentos”, unha exposición de pintura de Jesús Pereira Ríos “Suly” que poderá visitarse libremente ata o vindeiro 18 de xuño. Unha exposición que foi inaugurada na noite do venres polo alcalde de Brión, Xosé Luís García, quen estivo acompañado polo autor e polo técnico de Cultura de Brión, Alberte Álvarez.
Diante medio cento de veciños e veciñas, Xosé Luís García destacou que “é un orgullo que veñades tanta xente a estas exposicións, pois non terían sentido sen a vosa presenza. E o certo é que esta sala de exposicións non está baleira nunca e mesmo ten lista de espera, polo que nos congratulamos que se estea convertendo nun espazo de referencia para a arte e a cultura na comarca da Maía”. Pola súa banda, Alberte Álvarez salientou que “é a primeira vez que podemos disfrutar en Brión da obra deste gran artista, que sabe captar a beleza como ninguén, cunhas pinceladas sinxelas pero de técnica moi depurada, cun estilo sólido e lírico”.
Finalmente, Jesús Pereira Ríos “Suly” agracedeu o convite do Concello de Brión e explicou que non ía falar sobre a exposición pois “la obra tiene que hablar por sí sola. He disfrutado mucho haciéndola y espero que todos los que la contemplen la disfruten aunque sea un poquito de lo que yo he hecho”.
Currículo
“Suly” ten realizado multitude de exposicións, especialmente en Galicia e outras en Andalucía, Cataluña, Castela A Mancha e Madrid. Tamén ten exposto en Florencia, Ferrara, Riccione e Turín (Italia), no Parlamento Europeo de Bruxelas (Bélxica), Frankfurt (Alemaña), París (Francia), Porto e Chaves (Portugal), Bos Aires (Arxentina), Miami e New York (USA) e Shanghái (China). Nomeado Académico Correspondente pola Accademia Internazionale “Greci Marino” de Vinzaglio, foi seleccionado en representación de España para a Bienal Internacional de Arte Contemporánea de Florencia (decembro de 2007).
Tamén ten conseguido numerosos premios como o Premio de Honra da Sala do Poder Xudicial de Bos Aires (Arxentina), o segundo premio no XIX Concorso Internazionale d’Arte Contemporanea “Santa María delle Arti” por la Accademia Internazionale Santarita (Torino-Italia) ou o segundo premio no Concorso Internazionale di Pintura de Ferrara (Italia).











