Boiro inaugurará a exposición ‘Faros de Galicia’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoiro
A-
A+

A exposición “Faros de Galicia” intenta amosar a beleza dunhas paraxes naturais e a riqueza paisaxística galega nas que predominan unhas estruturas que máis alá do seu cometido semellan ollar todo o que acontece ao longo de todo o litoral.

Dende Cabo Silleiro en Baiona, ata Illa pancha en Ribadeo, existen auténticos paraisos naturais onde se pode gozar da natureza en estado puro. Moitos destes faros están situados en lugares recónditos e aillados nos que a man do home aínda tivo pouca repercusión no seu contorno.

Independentemente da súa función, os faros, tratan de integrarse co contorno que os rodea e son fantásticos miradoiros onde se pode contemplar a bravura do mar e a beleza dos cantís que conforman a costa galega.

As fotos que integran esta exposición tratan de amosar a beleza de ditas estruturas e o espazo que os rodea, cobrando ás veces máis protagonismo este último que o propio faro en sí.

Dende os máis modernos como o faro de Punta Nariga en Malpica   ata o máis antigo (Torre de Hércules na Coruña), ao seu carón un pode sentir que unha chea de historias se agochan tras eles por ser, a miudo, únicas testemuñas de varamentos, afogamentos, naufraxios,…

Hoxe en dia moitos deles están totalmente automatizados, polo que se está a perder a figura do fareiro.

Foi un auténtico privilexio e un inesperado pracer o percorrido que nos levou a localizar algúns dos faros máis salientables da costa galega. Nestas pequenas e austeras excursións fomos testemuñas da curvatura do horizonte onde se funden os azuis do ceo e do mar e onde soamente as ondas e o vento creban tanta paz.

TOÑO VILA E MÓNICA RIVAS

A inauguración terá lugar o venres 4 de xullo do 2014 ás 20:00h.

A mostra estará aberta ao público ata finais do mes de xullo de 09:00 a 14:00h.

30 de xuño de 2014 | 19:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.