Betanzos acollerá o “II trail Terras do Mandeo”
Betanzos acollerá mañá sábado 7 de xuño a celebración do II TRAIL TERRAS DO MANDEO “RESERVA DA BIOSFERA – COMERCIO DE BETANZOS”.
A proba transcorrerá por asfalto, sendeiros e pistas forestais no entorno do Río Mandeo ó longo duns 18 quilómetros. A carreira sairá ás 10.00 h do Cantón Claudino Pita de Betanzos onde estará tamén instalada a liña de meta.
Igual que o pasado ano, a iniciativa tivo un gran éxito de convocatoria xa que as trescentas prazas dispoñibles cubríronse antes de rematar o periodo de inscrición.
Establecéronse as seguintes categorías: senior masculino e feminino e veterano masculino e feminino. Haberá ademais premios para o mellor corredor de menos de 25 anos e outro ó maior de 50.
A posta en marcha do trail xurdiu coa idea de aproveitar os sendeiros do Mandeo para unha carreira popular aproveitando deste xeito o evento para promover a riqueza paisaxística desta zona ademais de dinamizar a actividade deportiva, cultural e comercial de Betanzos.
A proba está organizada por ACEBE CCA, Campo IV e polo Concello de Betanzos coa colaboración de GADIS.











