Benestar colaborará co Concello do Grove na construción dunha nova escola en Rons
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez, reiterou hoxe o compromiso xa adquirido co alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez, de colaborar co Concello na construción dunha nova escola infantil para Rons. Rodríguez incidiu nesta proposta xa feita ao rexedor, nunha xuntanza que mantivo hoxe en Santiago con representantes do Concello meco e da Asociación de Nais e Pais (ANPA).
Na reunión, tanto os representantes do Concello como da ANPA estiveron de acordo co xerente do Consorcio en que os problemas estruturais que presenta a actual escola infantil de Rons non se solucionarán con labores de reparación, senón que a solución pasa por construír unha nova escola. De feito, a Consellería de Traballo e Benestar xa investiu neste edificio municipal máis de 74.000 euros en diversas melloras.
Desta maneira, o xerente do Consorcio explicou que para a construción da nova escola existen dúas posibilidades: levantar un edificio na mesma parcela onde se empraza agora a escola, para o que a Administración local tería que xestionar con Costas a autorización; ou que o Concello ceda ao Consorcio unha nova parcela para a construción das novas instalacións. Unha vez que se decida o mellor emprazamento, Rodríguez incidiu no compromiso adquirido xa co alcalde de que os orzamentos de 2015 poderían recoller esta actuación para O Grove.
Mentres se adopta a mellor solución, técnicos do Consorcio e da Administración local desprazaranse a próxima semana ata a escola de Rons para inspeccionar as instalacións e analizar cal é a actuación técnica máis axeitada que se pode levar a cabo para paliar provisionalmente a situación actual da escola, ata que se acometa a construción do novo edificio. Estas obras realizaríanse xusto antes de que comece o curso escolar en setembro.
En resumo, Rodríguez mostrou a súa total disposición para resolver esta situación buscando a mellor solución técnica para que a solución sexa definitiva.











