Belén do Campo mostra o seu apoio á Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Belén do Campo na reunión coa Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas

Belén do Campo na reunión coa Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, mantivo hoxe unha reunión de traballo con Carmen López, representante na Coruña da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec) co fin de coñecer de primeira man o seu traballo a prol dos afectados por este tipo de doenzas e as necesidades da entidade.

A máxima representante do Executivo autonómico na provincia trasladou á portavoz da organización o apoio á súa labor e aproveitou para facer un recoñecemento ao grande esforzo feito polos familiares destes pacientes e polos profesionais das asociacións nas que se integran, “cos que é necesario traballar e colaborar”.

Do Campo recordou que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, concedeu este ano unha achega a esta entidade de 4.900 euros para a prestación de servizos de rehabilitación fisioterapéutica. O obxectivo desta medida é buscar unha atención o máis próxima posible a todos os que padecen algunha enfermidade rara e aos seus familiares e de aproveitar todos os recursos que a mesma sociedade crea. Na mesma liña, a Consellería de Traballo e Benestar tamén colabora coa organización a través dunha subvención de 29.445 euros para a contratación de dúas persoas nun período comprendido entre 9 e 12 meses.

Esta federación é a única de ámbito autonómico galego dedicada especificamente ás persoas que padecen estas doenzas. Constituída en 2009, Fegerec está integrada pola Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica, a Asociación Galega de Ataxia, a Asociación Galega de Fibrose Quística, a Asociación Galega de Lupus, a Asociación Coruñesa de Esclerose Múltiple, a Asociación Galega de Afectados de Retinose Pigmentaria, a Asociación Galega de Linfedema e a Delegación Galega da Asociación Nacional de Amigos de Arnold-Chiari.

10 de xuño de 2014 | 12:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.