publicidade hoxe

Belén do Campo destaca á Costa da Morte como unha das grandes marcas de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCeeLocal Portada
A-
A+
Belén do Campo no foro sobre a Costa da Morte

Belén do Campo no foro sobre a Costa da Morte

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, destacou esta mañá que a Costa da Morte “supón para Galicia unha das súas grandes marcas, un dos estandartes que identifican á nosa terra por todo o mundo”. Por iso, salientou o “decidido compromiso” do Goberno galego para acometer os proxectos fundamentais para a comarca, que redunden nun aumento da calidade de vida dos seus veciños e veciñas.

Do Campo pronunciou estas palabras en Cee, onde xunto coa alcaldesa, Zaira Rodríguez, foi a encargada de inaugurar o foro “Costa da Morte: terra de oportunidades”, organizado polo Grupo Correo Gallego. Nel, expertos de primeiro nivel abordarán durante a xornada de hoxe o presente e o futuro das oportunidades en materias como a pesca, o medio rural, o turismo e a empresa desta comarca e o mellor xeito de potencialos. “A celebración deste foro vai poñer de manifesto que a Costa da Morte é un espazo de oportunidades e vai demostrar que do desenvolvemento non é incompatible co respecto á natureza e á paisaxe”, sinalou.

Na súa intervención, a máxima representante do Executivo autonómico na provincia puxo como exemplo do apoio do Goberno de Núñez Feijóo as axudas singulares á dinamización e internalización dirixidas aos emprendedores desta área a través do Plan Revive, que nos últimos cinco anos permitiu o impulso a máis de 600 proxectos empresariais.

A representante da Xunta na Coruña tamén tivo palabras para incidir no potencial que ten o mar e o sector pesqueiro na zona, algo que tamén está presente á hora de facer o reparto de recursos a nivel autonómico. Como exemplo, a Consellería do Medio Rural e do Mar destinou 1,9 millóns de euros en 2013 aos plans estratéxicos zonais como os Grupos de Acción Costeira (GAC), dos que se beneficiaron 13 municipios desta comarca.

Na mesma liña, o Grupo de Desenvolvemento Local (GDR) dispón dun orzamento global de 2,3 millóns de euros, dedicados na súa maior parte á dinamización do sector agrario e á mellora medioambiental e rural e xerando un investimento inducido de preto de cinco millóns. A repercusión deste plan sobre o emprego traduciuse na consolidación de 152 postos de traballo e a creación de 15 novos.

Do Campo continuou a súa intervención facendo alusión á importancia estratéxica do turismo nunha comarca que conta con diversos referentes culturais, paisaxísticos e festivos. Os datos rexistrados polos establecementos hoteleiros no primeiro trimestre do ano dan conta do potencial desta área. Entre xaneiro e marzo, máis de 8.300 viaxeiros aloxáronse nos hoteis da Costa da Morte, un 2,4% máis que no mesmo período do ano pasado.

Neste senso, Do Campo incidiu na posta de Turismo de Galicia por potenciar o xeodestino Costa da Morte e poñer en valor os seus recursos singulares. Todas estas actuacións están a dar xa resultados, como demostra a chegada o pasado mes de maio ao porto de Brens do primeiro buque de pasaxeiros, o cruceiro Le Boreal.

Por último, “conscientes de que a comarca é un eixo fundamental no desenvolvemento de Galicia, tanto pola súa faceta turística, como empresarial e cultural “, a delegada territorial animou a todos os concellos, institucións e particulares a “seguir traballando día a día” para lograr o progreso de toda a comunidade.

26 de xuño de 2014 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.