Beatriz Mato visita o centro de atención á discapacidade de Boimorto
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou hoxe o centro de recursos para persoas con discapacidade de Boimorto, da asociación Amarai, e mostrou o apoio do departamento á busca da inclusión plena e efectiva de todos os galegos e galegas na sociedade, con iniciativas como esta.
Na súa intervención, a titular de Benestar indicou que o centro está a ofrecer atención integral e individualizada ás persoas con diversidade funcional das comarcas de Arzúa e Terra de Melide, así como dos concellos limítrofes.
Inclúe na súa oferta desde servizos de promoción da autonomía persoal, fomento da saúde, rehabilitación, ata formación ou terapia ocupacional que se ofertan tanto a través do centro de atención diúrna, con capacidade para 19 prazas, como do centro ocupacional, con 23 prazas dispoñibles.
Para Mato, “en pleno século XXI, a inclusión, a integración e a igualdade de oportunidades son conceptos que deberían estar plenamente consolidados e aceptados nun sistema do benestar” e “a crise económica non pode ser escusa para deixar de avanzar”.
Neste sentido, o departamento autonómico nun contexto de contención orzamentaria, incrementou en preto dun 6% as partidas para a discapacidade ata superar os 97 millóns de euros, co obxectivo de garantir a calidade de vida e fomentar a súa integración laboral.
Para conseguilo, nos últimos cinco anos incrementáronse en máis de 700 o número de prazas na Comunidade. Actualmente, en Galicia hai 5.000 prazas públicas para persoas con discapacidade, a cuxo mantemento destínanse 50 millóns de euros anuais. Entre elas, atópanse 12 prazas de centro de día no centro de Boimorto, a cuxo mantemento destínanse anualmente 120.000 euros. Un investimento ao que hai que engadir os 180.000 euros dedicados á construción e equipamento das instalacións.
En canto á aposta polo emprego como principal ferramenta de inclusión, Beatriz Mato lembrou que en 2014 non só se blindou o orzamento dos programas de emprego para a discapacidade, senón que se incrementou nun 8% ata alcanzar os 17,4 millóns de euros. Así, só para subvencionar o salario dos traballadores en centros especiais de emprego dedicaránse este ano 7,5 millóns. Con esa cantidade financiarase o emprego de 2.000 traballadores nos 114 centros que hai en Galicia.
Ademais onte mesmo publicouse no Diario Oficial de Galicia unha orde dotada con máis de 1,1 millóns de euros, dirixida a incentivar a contratación de persoas con discapacidade na empresa ordinaria.
Por último, Mato explicou que o departamento está a actualizar o marco lexislativo co iniciativas como a aprobación do Decreto de Atención Temperá, que vai mellorar a coordinación e a eficiencia na atención aos nenos e nenas que máis o precisan. Así mesmo, está en pleno proceso parlamentario a nova Lei de Accesibilidade, que vai apostar pola consecución dunha accesibilidade universal, superando o concepto tradicional das barreiras arquitectónicas.
Ademais, o pasado 1 de novembro entrou en vigor a nova carteira de servizos para as persoas dependentes, un dos catro piares do novo modelo de carteiras que vai revolucionar de forma pioneira a atención social en Galicia.
Dez novas prazas
De feito, en virtude desta nova carteira de servizos, esta semana asináronse dúas novas prazas de servizo de atención diúrna terapéutica neste centro de Boimorto, nas que se investirán 14.000 euros anuais, e proximamente poranse en marcha 8 prazas máis de servizo de atención diúrna ocupacional cun investimento de 36.000 euros. Polo tanto, a Consellería de Traballo e Benestar financiará este ano 10 novas prazas en dous servizos diferentes neste centro.