Baiona será escenario do II Circuíto Iberdrola de Vela Paralímpica
O Monte Real Club de Iates de Baiona organiza este fin de semana o Campionato Vitaldent de Vela Adaptada Clase 2.4mR, enmarcado no II Circuíto Iberdrola de Vela Paralímpica. Trátase dunha regata aberta para todos os barcos da clase 2.4mR na que participarán unhas 15 embarcacións de Galicia, Cataluña, Valencia, Madrid, Andalucía e o País Vasco.
Aínda que este venres xa hai adestramentos, as probas oficiais darán comezo mañá sábado ás doce do mediodía na bahía de Baiona e incluirán unha serie de percorridos entre aboias, un programa que se repetirá na xornada do domingo co mesmo horario. Ese último día celebrarase tamén a entrega de premios no Monte Real Club de Iates, a partir do cinco da tarde.
Os regatistas españois de 2.4mR chegan a Baiona tras o seu paso por Valencia, onde o pasado mes de maio disputouse o Campionato de España. Alí alzouse coa vitoria o regatista de Xábia e membro do Equipo Paralímpico Español de Vela, Rafa Andarias, que busca manter o liderado da clase 2.4mR nas probas deste fin de semana. O galego Fran Piñeiro, do Club de Vela Escota de Vigo, é outro dos favoritos ao cetro de Baiona.
O Campionato Vitaldent de Vela Adaptada, está incluído no Circuíto Iberdrola de Vela Paralímpica, que este ano cumpre a súa segunda edición. Púxose en marcha co obxectivo de promocionar e dar a coñecer a clase e a Vela Adaptada en España.
Tras esta primeira proba en Baiona, patrocinada por Vitaldent, o programa de regatas continuará en Santander e Barcelona, nos meses de xullo e setembro. En outubro celebrarase en Valencia o Trofeo Iberdrola, que será campionato europeo da clase.











