Asorel comeza unha campaña de captación de novos socios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A nova presidenta da Asociación de Empresarios de Limpeza –Asorel-, Concha López Vázquez, puxo en marcha as accións necesarias para cumprir os compromisos que adquiriu co seu nomeamento. Sen deixar pasar máis tempo, convocou xa unha reunión con empresas do sector para convidalos a formar parte da asociación, pois considera que ‘é algo no que temos que pornos ao choio para non perder tempo e gañar canto antes forza para solucionar os nosos problemas’.

Precisamente, para favorecer esta incorporación de novas empresas, a asociación reduciu as cotas que abonan os asociados, deixándoas en 50 euros ao semestre. No transcurso da reunión, á que asistiu unha ducia de empresas de limpeza, a presidenta recalcou a importancia de estar unidos para alcanzar metas e loitar contra problemas comúns como o intrusismo laboral, que cualificou de ‘competencia desleal en toda regra, xa que operan no noso sector pero sen cumprir os requisitos e normativas vixentes ás que todos estamos obrigados e que cumprimos a machada’.

A presidenta emprazou aos empresarios presentes na reunión a achegar ideas entre todos, tanto para tratar de mellorar as condicións do sector como para levar a cabo desde a asociación. Neste sentido, explicou aos presentes os servizos que teñen á súa disposición ao formar parte da entidade, e estar esta integrada na CEO. Os representantes do sector que acudiron á reunión valoraron moi positivamente toda a información recibida e mostraron interese en incorporarse a Asorel, mentres que a presidenta convocounos para volver reunirse no mes de setembro, tras o período vacacional.

30 de xuño de 2014 | 13:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.