Asetranspo confirma a dispoñibilidade nos terreos de Adif de prazas para estacionamento
O Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, mantivo esta mañá unha nova reunión con responsables da Asociación de Empresarios de Transportes Discrecionales de Pontevedra (Asetranspo), co obxectivo de analizar a situación do sector tras a entrada en vigor, o pasado luns, do novo sistema de estacionamento de camións en zona portuaria.
Segundo lembrou en rolda de prensa o máximo responsable portuario, a institución que preside mantivo numerosas reunións cos transportistas desde o pasado mes de agosto, cos que se buscaron diferentes alternativas para o estacionamento dos camións en zona portuaria. “Esa é a forma de traballar, buscando solucións e non enfrontamentos”, destacou.
Froito desas negociacións, a Autoridade Portuaria de Vigo dispuxo un centenar de prazas para o estacionamento de camións en zona portuaria, ademais doutras 40 con conexión eléctrica para colectores frigoríficos, dispostas na Terminal de Colectores do Porto vigués.
A estas prazas hai que sumarlles outros 6.300 m2 para uso loxístico nos terreos de ADIF próximos ao Porto, con capacidade para máis de medio centenar de equipos. Con todo, segundo asegura o Presidente de Asetranspo, Ramón Alonso, “non existe demanda suficiente” para o estacionamento nesta zona que “non está completa” e aínda dispón de “espazo libre”.
Para López-Chaves, o actual sistema de estacionamento responde a unha necesidade de reordenación dos espazos portuarios, xa que aparcar fóra dos lugares permitidos “impide a operativa portuaria e é perigoso”. Neste sentido, lembra que a terminal olívica está a recibir nos últimos días un importante cargamento de torres eólicas offshore de grandes dimensións que necesitan dun gran espazo para a súa provisión “e non podemos atrasar este tipo de operativas por falta de espazo, porque suporía un incremento dos custos”.
En relación ás multas impostas aos transportistas, López-Chaves destacou a importancia de “cumprir coa normativa” e, neste sentido, explicou que a primeira sanción imposta -por un importe de 30€- tivo lugar despois de varios días de advertencias e produciuse en horario “practicamente nocturno”, cando apenas existe actividade comercial no Porto. Tras eses primeiros días de adaptación á nova normativa “volvemos ao funcionamento normal”.
Traballo de colaboración
Durante a súa intervención, López-Chaves destacou, ademais, o traballo de colaboración que a institución que preside mantivo desde o primeiro día con Asetranspo, “unha Asociación que representa a máis de 600 empresas e 3.500 camións”.
Pola súa banda, o Presidente da patronal, Ramón Alonso, explicou que, a pesar dos graves problemas de custos aos que teñen que facer fronte os seus asociados “buscamos solucións” e, desde o primeiro momento, “entendemos a necesidade do Porto de reordenar os seus espazos”, xa que noutros portos de España tamén está regulado o estacionamento”.
Así, e “grazas ao esforzo do Porto, logramos dispor de 140 prazas en zona portuaria”, ademais das prazas dispoñibles -algo máis de medio centenar- nos terreos de Adif. Unha xestión na que tamén nos axudou a Autoridade Portuaria”, concluíu.











