As seleccións galegas cadete e sub 21 de taekwondo participarán no Campionato de España en Castellón
As seleccións galegas cadete e sub 21 participarán esta fin de semana no Campionato de España que se celebrará en Marina D´Or (Castellón). As e os representantes galegos acoden a esta cita coa intención de loitar polo podio, a pesar da altísima participación e o bo nivel existente.
O torneo cadete celebrarase o sábado 14, mentres que o sub 21 terá lugar o domingo 15. A selección galega cadete partiu onte pola noite en autobús en dirección a Castellón cun equipo formado por 26 deportistas (12 chicos e 14 mulleres). No Campionato de España están inscritos un total de 404 deportistas polo que a Federación Española decidiu que as eliminatorias se disputarán en combates de dous asaltos de 90 segundos cada un, mentres que as semifinais e final serán de tres asaltos de 1 minuto. Iso si, manterán vídeo replay.
O pasado ano, Galicia logrou un total de dez medallas (1 ouro, dúas pratas e sete bronces) no Campionato de España Cadete. O único ouro foi acadado pola deportista do Patiño, Miriam García, na categoría de -59 quilogramos.
Na categoría sub 21, a Federación Galega despraza a un equipo de 20 deportistas (11 rapaces e 9 mulleres) que volven a disputar o campionato de España despois de que o pasado ano non se celebrara.
No torneo hai 290 deportistas inscritos e os combates serán de tres asaltos de 90 segundos, cun descanso de medio minuto entre os asaltos.
As seleccións galegas realizaron nas últimas semanas varias concentracións para preparar esta importante competición, xa que é a que da a chave para poder competir a nivel internacional.











