As primeiras reclamacións a Aqualia realizáronse no ano 2004
Na tarde de onte reuniuse no Concello a Comisión Informativa Especial sobre a concesión á empresa AQUALIA do servizo de abastecemento de auga e saneamento.
Á reunión asistiron tódolos integrantes da Comisión: Severino Rodríguez, Mª Xosé Vega, Pilar López e Antonino Luaces polo BNG; Julia Rodríguez, José Manuel Puga e Purificación Argiz polo PP; e José Tomé e Gloria Prada polo PSOE.
A Comisión aprobou por unanimidade a acta da sesión que celebraron o 2 de xuño de 2014.
O alcalde explicou a presenza do letrado Carlos Hernández López a efectos de que fixese unha exposición sobre o que a Comisión está indagando, sen prexuizo das comparecencias posteriores que se acordasen.
Carlos Hernández dixo que estaba a disposición do Concello e sinalou que no ano 2004 fixera un diagnóstico do contrato de concesión do servizo de abastecemento de auga e emitira informes ó respecto. Un deses informes chequeaba os incumprimentos do contrato despois ter examinado a documentación dispoñible, sen poder contar coa oferta da empresa. O referido informe é de marzo de 2004 e no mesmo xa se propuñan diversas actuacións por deficiencias e incumprimentos da empresa.
O avogado dixo que o traballo desde o ano 2004 ata 2005 consistiu en “reunións coa empresa para cousas que ían traendo”. Foise conseguindo documentación aínda que se produciu un atasco ó chegar á parte importante: diñeiro e investimentos. Carlos Hernández indicou que a empresa rompera a negociación ó interpoñer un recurso contencioso. Na tramitación do recurso, segundo sinalou, “intentouse retomar esa negociación pero non se logrou”. O letrado indicou que, á vista da aparición da oferta, habería que actualizar o traballo realizado no 2004.
Julia Rodríguez, voceira do PP, preguntou se en 2004/2005 se levantaran actas dos requirimentos á empresa, respondendo Carlos Hernández que “haberá constancia de terse feito requirimentos antes do seu informe”.
José Manuel Puga, do PP, quixo saber se se falara da oferta naquelas reunións, ó que o letrado respondeu que “se requiriu á empresa para que a presentaran igual que os investimentos, pero nunca a achegaron. Tamén se requiriu no contencioso polo canon de explotación, que gañamos en 1ª instancia e despois perdemos en apelación por non ter a oferta”.
Gloria Mª Prada, do PSOE, preguntou por qué se romperon as relacións coa empresa, sinalando o Sr. Hernández que a rotura produciuse “cando chegamos ós compromisos económicos, os dos tres primeiros anos que xa pasaran”.
Mª Xosé Vega, do BNG, preguntou se o letrado, coa documentación da que dispuxo en 2004, foi coñecedor de que de 2001 a 2004 se fixese algún requirimento á empresa. Carlos Hernández dixo que “non había ningún requirimento anterior na documentación que el revisou. Era a primeira vez que se facía”.
José Tomé, do PSOE, interesouse por como quedou o expediente e se constaban requirimentos por escrito, respondendo o letrado que “o expediente acabou na proposta que figura no seu informe” e que os requirimentos “deben estar no arquivador de documentación que el mesmo entregou co informe”.
Julia Rodríguez, do PP, comentou que non eran obxecto do informe requirimentos anteriores, ó que o letrado contestou que faltaba a oferta e que traballara sobre a documentación dispoñible, na que non constaban requirimentos anteriores.
Logo da comparecencia do Sr. Hernández, a Comisión Informativa acordou por unanimidade que a próxima sesión terá lugar o xoves día 19 de xuño ás dezanove horas, co carácter de ordinaria e substitutiva da que correspondería como máis tarde o luns día 23, esperando contar cos informes sobre incumprimentos solicitados ós técnicos municipais.
Tamén acordaron introducir por urxencia na orde do día, ó ser ordinaria esta sesión, o seguinte asunto: solicitudes de participación na comisión.
En relación coas solicitudes para formar parte desta Comisión Informativa ou para ter presenza nela, a Comisión acordou por unanimidade aterse ó informe elaborado ó respecto polo Secretario municipal, que tamén o é da Comisión, que conclúe do seguinte xeito:
“(…) o artigo 123 do ROF (…) di que as Comisións informativas –e esta especial de investigación tamén o é- están integradas exclusivamente por membros da Corporación, polo que a incompatibilidade do solicitado, e que deu lugar a este informe, coa normativa de aplicación é clara.
Sobre a presenza con voz e sen voto de quen non é membro integrante da Comisión, está o art. 137.1 do ROF que determina que “o Presidente de cada Comisión poderá requirir a presenza, nas súas sesións, de persoal ou membros da Corporación a efectos informativos”. Unha interpretación xenerosa deste artigo permitirá a presenza nas sesións da Comisión, para as que así se acorde, de todo aquel que a Comisión queira escoitar ou do que considere necesario o seu asesoramento, presenza que non pode ser “per se” e apriorística, se non se quere desdebuxar a esencia da Comisión”.











