publicidade hoxe

As Pontes recibiu máis de 650.000 euros grazas ao fondo de compensación ambiental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs PontesLocal Portada
A-
A+
Alfonso Rueda na visita ás Pontes

Alfonso Rueda na visita ás Pontes

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda visitou hoxe o concello das Pontes, acompañado do alcalde da localidade, Valentín González Formoso, e da delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo onde destacou a importancia que teñen as actuacións levadas a cabo grazas ao Fondo de Compensación Ambiental que benefician directamente aos veciños e ao medio ambiente.

O vicepresidente destacou que estas actuacións redundan nas arcas municipais, pero sobre todo nos veciños e no medio ambiente, porque son actuacións vinculadas á conservación e o desenvolvemento do medio, beneficiando sobre todo a municipios pequenos e do interior de Galicia. Así, grazas a este Fondo, son numerosos os concellos galegos que se ven beneficiados directamente da explotación de enerxía eólica en Galicia; posto que se financia a través do canon eólico, que permite aos concellos sufragar actuacións que revistan natureza produtiva e xeradora de emprego.

O concello das Pontes renovou as redes de abastecemento e saneamento das rúas do casco urbano e acondicionou o interior do centro de educación ambiental ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental, reformando tamén unha escola e adquirindo un vehículo para á Policía Local con equipamento adecuado para tarefas medioambientais grazas ás axudas do Fondo de Compensación Ambiental por un importe de máis de 650.000 euros nos dous últimos anos.

Nos concellos da provincia da Coruña, o Fondo, na liña competitiva e non competitiva, ten permitido abordar máis de 170 iniciativas municipais só o pasado ano, con axudas de máis de 3,3 millóns de euros. Por quinto ano consecutivo o Fondo volverá a supoñer un importante reforzo aos nosos concellos, aos cidadáns e ao noso medio ambiente e o noso entorno, que é un dos nosos patrimonios.

O Fondo de Compensación Ambiental foi unha iniciativa posta en marcha en 2010 polo Goberno galego que permitiu por vez primeira aos concellos galegos beneficiarse dos canons eólicos. Con cargo ao mesmo, fináncianse actuacións orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia e o uso sostible das enerxías renovables e a outras actuacións do medio e do ámbito rural.

3 de xuño de 2014 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.