As piscinas de Oira abren as súas portas o sábado e as do Pavillón o domingo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Mañá, sábado, 7 de xuño abrirán as súas portas ao público as piscinas públicas e gratuítas de Oira, que estarán a disposición de todos os veciños e veciñas tódolos días, de 11,00 a 21,00 horas. As piscinas ofrecen importantes novidades con respecto a tempadas anteriores. Así, xunto coa remodelación de instalacións eléctricas, pechamentos ou pintado, atópanse outros de incidencia directa aos usuarios, como a dotación de novos vestiarios, reforma dos existentes e construción dunha piscina para os máis cativos. A reforma sustancial destas obras pertence á nova piscina para nenos e nenas, construída de forma circular, e en cuxo punto central se atopa unha seta con chorros de auga que contribuirán ao desfrute e divertimento dos bañistas.

Esta piscina, de 400 metros cadrados, está situada preto da piscina de adultos, entre as que se atopa un parterre, que aumenta a superficie de zona verde entre piscinas. Conta con depuración propia, e o seu sistema de acceso carece de escalóns, o que mellora a seguridade dos máis cativos.

Investironse nas obras un total de 162.000 euros, que se pagarán con cargo ás partidas do Consello Municipal de Deportes, que xunto ás reformas das piscinas do Pavillón Municipal de Deportes, continúan na liña de remodelación das instalacións que se pretende levar a cabo desde a Concellería de Deportes do Concello de Ourense.

Melloras técnicas

A reforma comprendeu a modificación do vaso da piscina infantil, coa inclusión dun espazo de praia-terraza axardinada dentro do ámbito da piscina de maiores, e a construción dunha nova piscina infantil con 336 m2.

O obxecto desta modificación é acadar unha separación física maior entre as dúas piscinas, ás que se engaden melloras paralelas:

– Nova depuradora para a piscina infantil: construción dunha caseta dobre con espazos diferenciados para depósito de hipoclorito e ácido e un espazo para ubicación dos filtros da nova piscina preto da piscina infantil, que mellorarán o sistema de filtración da antiga piscina.

– Novo espazo de praia axardinada: o complexo incorpora dúas novas grandes áreas de esparexemento ou praias axardinadas. Unha delas, situada no exterior, incorpórase ao interior do complexo coa nova delimitación do mesmo.

– Intervención na piscina de maiores: construción dunhas escaleiras de obra, de baixada á piscina de maiores desde novo espazo de praia axardinada e recuperación da rampa orixinal da piscina.

– Reforma de vestiarios: se modifican os vestiarios, reformando a planta alta para situar un aseo accesible, e un vestiario na planta baixa.

– Perímetro: coa nova delimitación, o complexo pasaría a ter unha superficie aproximada de 6.400 m2, cunha pendente natural de caída desde o vial de acceso cara a cota do río.

Piscina exterior do Pavillón dos Remedios

Desde este domingo, día 8, abrirá tamén a piscina exterior do Pavillón dos Remedios. O horario é de 11 a 21 horas de luns a sábado, e de 11 a 13:45 h os domingos e festivos. Poden acceder a esta piscina abonados do recinto deportivo, incluíndo o pase diario de 3 euros.

6 de xuño de 2014 | 12:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.