As obras na rúa Irmáns Dapena axústanse á planificación establecida polo Concello de Monforte
O alcalde de Monforte manifesta o seu total desacordo coas manifestacións do voceiro do partido socialista en relación coas obras de renovación do firme da rúa Irmáns Dapena.
É certo que o Sr. Tomé presentara no pleno da corporación do día 27 de xaneiro do 2014 unha moción reclamando o arranxo do firme da citada rúa, como certo é tamén que nesa mesma sesión se lle comunicou que esa obra formaba parte das previsións do Goberno Municipal e que o expediente da mesma estaba avanzado. O alcalde dixo que a renovación do pavimento en Irmáns Dapena estaba incluída nun plan de mellora de rúas para o ano 2014.
Mentres ese plan non se aprobaba, o Concello procedeu a tapar as fochas da rúa para evitar incomodidades á veciñanza en tanto as obras definitivas non se levasen a cabo, sabendo sempre que se trataba dunha medida provisional e de reducido custo.
Non entendemos como o Sr. Tomé pode falar de que o Concello atende ás presións veciñais en vez de ás razóns, nin tampouco como pode cualificar a decisión municipal de chapuza e chambonada. Parece que o voceiro do PSOE quere dar a entender que o Concello pretendía solucionar as deficiencias da rúa Irmáns Dapena só tapando as fochancas, cando el tiña absoluto coñecemento de que a intención do Goberno era renovar o firme na súa totalidade.
Este alcalde sempre atendeu e atenderá á veciñanza, escoitando as súas queixas, peticións e propostas, pero nunca admitiu nin admitirá presións que modifiquen ou muden a súa acción de goberno. Os veciños e veciñas sempre son benvidos ó Concello e as súas propostas son escoitadas e cumpridas na medida das nosas posibilidades. A veciñanza acude ó Concello a pedir aquilo que lle parece xusto, nunca a presionar ó alcalde.
Neste caso non se trata de dar ou quitar razón ó partido socialista, tal e como indica o Sr. Tomé, senón de cumprir unha serie de prazos que el debería coñecer por ter participado nun goberno municipal.
Para que ninguén se leve a enganos, os prazos do proxecto de renovación do pavimento na rúa Irmáns Dapena foron os que a continuación se explican.
Pleno 27 xaneiro do 2014: aprobación da moción do PSOE e comunicación do alcalde no sentido de que esta obra estaba prevista e que o expediente da mesma estaba avanzado.











