publicidade hoxe

As obras do Plan Marco executadas na parroquia de Tourón en Ponte Caldelas son inspeccionadas por Cores Tourís

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte CaldelasPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Ponte Caldelas

Cores Tourís na visita a Ponte Caldelas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as obras que se executaron no camiño de San Ramón para a mellora do vial rural que conclúe na área arqueolóxica de Tourón dentro do Plan Marco da Consellería de Medio Rural e do Mar en compaña do alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez.

Nesta visita estivo acompañado polo xefe territorial da Consellería de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois, así como os representantes da empresa adxudicataria dos traballos.

As obras, que contaron cun orzamento de arredor dos 45.000 euros, consistiron na mellora do firme do camiño de San Ramón que da acceso ás vivendas, explotacións agrarias así como a área arqueolóxica.

O firme existente reforzouse con aglomerado en quente de 6 centímetros de espesor. Tamén se acometeu a instalación de canaletas transversais prefabricadas de PVC con rexilla dúctil e a construción dunha cuneta triangular en formigón de 110 metros de lonxitude.

“Sería interesante explicar tamén que, no caso da comarca de Pontevedra, investiranse ao longo do presente ano un total de 500.000 euros dentro do Plan Marco que permite mellorar os camiños rurais. En total, no global da provincia de Pontevedra estanse a investir no 2014 para este tipo de traballos, 2,6 millóns de euros”, engadiu Cores Tourís.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou a visita a Ponte Caldelas para agradecer a colaboración dos alcaldes pola súa colaboración no desenvolvemento destes programas que “poñen de manifesto a sintonía da administración autonómica e os concellos para levar a cabo os programas deseñados para alcanzar unha mellora da calidade de vida da poboación rural”.

Dende 2009 a Consellería de Medio Rural investiu na provincia de Pontevedra máis de 35,7 millóns de euros en diversos programas de infraestruturas agrarias, tanto en traballos de emerxencia, mellora de camiños rurais, concentracións parcelarias, etc. No caso do concello de Ponte Caldelas, o investimento en mellora de vías rurais roldou os 167.000 euros dende ese mesmo ano, executando tarefas de reforma como o acceso a Rebordelo-Capela e a Cuñas-Abecil.
 

19 de xuño de 2014 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.