As Mariñas aproba en pleno a ampliación da recollida de lixo no verán
O Consorcio As Mariñas celebrou hoxe un pleno ordinario, na súa sede de Bergondo, no que abordou a estratexia de recollida de residuos sólidos ante a chegada do verán. Para ofrecer un servizo máis axustado ás necesidades dos veciños, os alcaldes acordaron ampliar a recollida.
Nas áreas de maior xeración de lixo, así como nos espazos turísticos de maior afluencia de xente, como as praias, a recollida de residuos ampliarase aos domingos e festivos.
A recollida tamén se incrementará dadas as numerosas festas que teñen lugar na área metropolitana no verán. O Consorcio establecerá servizos especiais para retirar o lixo e aumentará o número de colectores para facilitar o seu depósito aos cidadáns. O presidente do Consorcio, José Antonio Santiso, apunta que a finalidade desta ampliación é “evitar as acumulacións de residuos” que normalmente se incrementan coa celebración de festexos. Ademais, coa chegada do bo tempo é necesario, sostén, evitar as molestias nas zonas de máis concentración de veciños e turistas. O Consorcio aplicará estes servizos especiais de forma inmediata.
Liquidación do orzamento de 2013 e cesión do LIGAL
O presidente tamén deu conta aos alcaldes dos resultados económicos do exercicio 2013. Pechouse cun superávit de 50.280,62 euros. O remanente de tesouraría alcanza os 4.406.470,01 euros.
A saúde económica do ente comarcal segue sendo moi boa, cun amplo colchón de tesouraría para proporcionar melloras aos servizos e facer fronte aos imprevistos.
En canto á posible cesión, por parte da Xunta de Galicia, da antiga dependencia do LIGAL (Laboratorio Interprofesional Galego de Análise de Leite), situada en Guísamo, para que sirva de nova sede, o Consorcio As Mariñas pedirá ao goberno autonómico que axilice a tramitación con obxecto de evitar unha maior deterioración do recinto.











