publicidade hoxe

‘As fabas máxicas’ chega a Cee

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCee
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou hoxe en Cee a actividade de dinamización do galego ‘As fabas máxicas’, que esta fin de semana chegará á vila coruñesa dentro da itinerancia que está a ter polos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia no marco do FalaRedes 2014.

En rolda de prensa, García Gómez explicou que esta obra de teatro é unha das cinco propostas incluídas na terceira edición do programa FalaRedes, a exitosa iniciativa coa que o departamento de Cultura e Educación busca “reforzar e consolidar a oferta de lecer en galego dos concellos implicados na promoción da nosa lingua a través de actividades novidosas e grazas a artistas que apostan polo idioma de Galicia como ferramenta da súa creatividade”.

Destinada ao público familiar, nomeadamente á xente miúda, con esta nova versión do coñecido conto infantil ‘Xan e as fabas máxicas’ perséguese que a cativada se achegue á dramaturxia en galego por medio dunha obra de coidada estética na que o humor, a emoción e a palabra van da man.

No acto de presentación, que tivo lugar na Casa do Concello, o secretario xeral estivo acompañado por Zaira Rodríguez, alcaldesa de Cee e deputada provincial de Normalización Lingüística, e por Juan Rodríguez, responsable de Caramuxo Teatro, a empresa xestora da actividade, á vez que protagonista do espectáculo de monicreques.

Ampliación da xira en setembro

‘As fabas máxicas’ chegará este sábado a Cee, cunha función ás 12:00 horas no salón de actos do Concello, e o domingo a Pontedeume, ás 12:00 horas na Casa da Cultura. Tras parar en xullo e agosto, a proposta de Caramuxo Teatro retomará a súa xira no mes de setembro ao ampliarse o calendario previsto inicialmente con seis pases máis grazas á colaboración económica da Deputación da Coruña, en virtude da súa participación na RDL.

Así, ás 22 vilas incluídas na programación entre abril e xuño súmanse agora os concellos coruñeses de Cabana de Bergantiños, Outes, Santiago de Compostela, Curtis, Dumbría e Toques, que en setembro poderán gozar desta actividade que fomenta o galego de xeito lúdico entre a xente miúda e as súas familias.

Dirixida a nenos e nenas a partir de 4 anos de idade, ‘As fabas máxicas’ é un espectáculo contado en primeira persoa, no que o propio Xan nos narra a súa sorprendente historia coa axuda duns simpáticos monicreques. Tras criarse na aldea con súa avoa, Xan vive agora de adulto nun apartamento de Nova York. Un día, coidando as plantas da súa terraza, descobre algo que lle fai lembrar unha infancia chea de aventuras.

Axenda completa da fin de semana

Quen tamén prosegue esta fin de semana co seu percorrido en exclusiva polas vilas adscritas á RDL da man do FalaRedes 2014 é o concurso infantil Os Bolechas e o Sabichón, que precisamente o sábado pola tarde tamén fará parada na vila de Cee, ás 20:00 horas no salón de actos do Concello.

Antes, o venres, será a cativada de Negreira a que participe ás 18:00 horas no Auditorio do Centro Sociocultural neste divertido espectáculo, que o domingo chegará a Carnota e a Muxía, con pases ás 12:00 horas no salón de actos do Concello e ás 18:30 no salón de actos do Voluntariado, respectivamente.

Os Bolechas e o Sabichón fai as delicidas dos cativos e cativas de 4 a 8 anos ao simular un concurso que enfronta os irmáns Braulio e Loli, que como líderes de senllos equipos teñen que superar probas lingüísticas moi divertidas. Para vencer precisan da axuda do público, que sempre está encantado de botarlles unha man aos seus personaxes favoritos.

Pechando a completa axenda desta fin de semana, o domingo FalaRedes levará música en galego para público de todas as idades a Ortigueira, que acollerá o concerto de fados ‘Os sons do vento que pasa’, ás 20:30 horas no Teatro da Beneficencia. Coma sempre, a entrada a estas propostas é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

FalaRedes 2014

Ata finais de ano, FalaRedes 2014 chegará á totalidade de concellos da RDL con 150 novas propostas de dinamización lingüística que buscan cumprir os obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega, nomeadamente aqueles que animan a promover o uso e a valoración positiva do galego na infancia, na mocidade e na familia, enchendo o seu tempo de lecer con actividades de calidade no noso idioma.

A RDL é unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para unha mellor planificación e coordinación do fomento da nosa lingua no eido da Administración local, e que na actualidade conta con preto de 160 entidades adscritas.

25 de xuño de 2014 | 19:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.