As escolas municipais de Cultura de San Sadurniño pechan curso o sábado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

As escolas municipais culturais mostrarannos na Casa da Cultura todo o que levan aprendido este ano. Será o sábado a partir das 18.00 h. nun evento musical no que participarán os grupos de gaita e pandeireta xunto coas masas corais de Lamas e San Sadurniño. Ademais, este ano tamén subirá ao escenario o alumnado da escola de percusión, que graduará con nota a súa primeira promoción. Nesta ocasión non participará o Club Brío de ximnasia rítmica e baile moderno, que trasladou a súa exhibición á mañá do sábado 5 de xullo no pavillón municipal.

Nas escolas participan un total de 68 persoas con idades comprendidas entre os 5 e os case 80 anos. Este ano a máis numerosa volveron ser as de música tradicional. En canto e pandeireta inscribíronse unha vintena de persoas -case todas mulleres-, mentres que a gaita suma 12 participantes, tres deles de nova incorporación. 

Dentro deste apartado o Concello e a Asociación de Veciños O Castelo de Naraío puxeron en marcha no mes de novembro un grupo de percusión cunha ducia de compoñentes que no escaso tempo transcorrido xa son capaces de marcarlle o ritmo ás outras dúas escolas. De feito, este sábado pandeireta, percusión e gaitas interpretarán en conxunto tres pezas.

Por outra banda tamén actuarán na Casa da Cultura as masas corais de Lamas e San Sadurniño, dirixidas por Carlos Caramés. A primeira conta con 14 compoñentes e a de San Sadurniño con 11. As dúas agrupacións vocais son xa veteranas e teñen demostrado a súa calidade en múltiples eventos municipais, pero tamén en encontros no resto de Galicia.

O encontro comezará pouco despois das 18 horas e a entrada é libre.

Exhibición de Brío

O Club Brío é unha entidade que ata agora participou nas clausuras co seu grupo de baile moderno. Porén, unha importante cita en Portugal impediralles estar o sábado na Casa da Cultura. Iso e o feito de que tamén fan ximnasia rítmica levou ao club a organizar unha exhibición no pavillón municipal o próximo sábado 5 de xullo a partir das 11 da mañá.

Brío ten tres grupos de baile moderno que suman 23 rapaces e rapazas entre pequenos, medianos e maiores. Ademais, no grupo de rítmica hai 5 nenas que durante este ano non pararon de colleitar éxitos tanto en grupo como nas categorías individuais.

26 de xuño de 2014 | 12:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.