As entidades sociais da Coruña coñecen as axudas de apoio ás mulleres en situación de especial vulnerabilidade

Susana López Abella na presentación das axudas
A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, informaron esta mañá aos representantes de 30 entidades sociais da provincia da nova convocatoria de axudas e subvencións para o apoio ás mulleres e recursos integrais para xestantes e lactantes. A este programa, o Goberno galego destina preto dun millón de euros, cofinanciado nun 80 por cento polo Fondo Social Europeo.
A convocatoria, que se vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG), está destinada a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro rexistradas na área de igualdade do Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais. A través deste programa, entre os anos 2009 e 2012, o Executivo autonómico destinou 3,7 millóns de euros a 111 entidades sociais da nosa, que atenderon a máis de 35.000 mulleres.
A diferenza dos anos anteriores, na convocatoria 2014 establécense dúas liñas de axudas. Unha destinada a programas de recursos integrais para mulleres e programas de mantemento de centros; e unha segunda destinada a programas de investimento. Esta última liña é a innovadora e por primeira vez será cofinanciada co FEDER.
A primeira liña poderá financiar os gastos correntes e de persoal e/ou para o fomento da contratación de profesionais da acción social, como educadores/as, traballadoras/es sociais, técnicas/os en integración social, axentes de igualdade, etc. Serán subvencionables os programas de mantemento de centros de atención especializada a mulleres e recursos integrais para mulleres xestantes e/ou lactantes con fillas/os menores de tres anos; mulleres en situación de risco ou en proceso de exclusión social -reclusas, ex-reclusas, drogodependentes-; vítimas de violencia de xénero e mulleres en situación de especial protección, como anciás soas, mulleres con discapacidade, inmigrantes ou pertencentes a minorías étnicas. A subvención máxima será de ata 35.000 euros.
Pola súa banda, a segunda liña de axudas poderá financiar os gastos que precisen realizar para investimento en equipamento informático -ordenadores, monitores, impresoras, etc.- e/ou obras de mellora ou acondicionamento da súa sede ou locais de traballo. A subvención máxima que se poderá recibir para tal fin será de ata 20.000 euros.
Como última novidade, nesta convocatoria as dúas liñas de axudas son compatibles con outras axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional doutras administracións, algo que ata o momento non se daba.











