As entidades benéficas, culturais e deportivas de Cambados repartiranse 123.000 euros de subvención

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambados
A-
A+

As entidades culturais, deportivas e benéfico-asistenciais repartiranse este ano 123.000 euros en subvencións municipais para a realización das súas actividades, cantidade que supera en case 5.000 euros a presupostada o ano anterior. As entidades sen fins de lucro terán de prazo ata o 18 de xullo, trala publicación –hoxe- das bases da convocatoria no BOP, para presentar as súas solicitudes de subvención.

Os orzamentos municipais establecen unha partida de 20.000 euros para transferir a asociacións socioculturais. As transferencias a clubs deportivos suman 70.000 euros, mentres que as subvencións a colectivos benéfico-asistenciais ascenden a 33.000 euros. Malia crise, reflíctese un lixeiro incremento das contías presupostadas.

Os interesados poderán informarse ao respecto emais recoller as solicitudes na biblioteca municipal Casa dos Fraga.

Criterios de valoración

As subvencións a entidades culturais sen ánimo de lucro concederanse tendo en conta varios criterios de valoración para fixar a súa contía. O primeiro destes criterios será o interese que o proxecto presentado teña para o desenvolvemento do municipio.

No caso das subvencións a entidades deportivas terase en conta, entre outros criterios, a representatividade do municipio, o nivel de actividade (categoría na que participa), número de fichas e de equipos federados, número de inscritos nas escolas deportivas, ademais do interese xeral e implantación social da actividade.

Para subvencionar a entidades benéfico-asistenciais fíxanse os seguintes criterios de reparto:

Que teñan como fin medidas para encamiñar e correxir situacións de desigualdade; que teñan como obxecto potenciar a participación das persoas que sufran algunha marxinación en todos os ámbitos da sociedade; que as actividades programadas estean encamiñadas á integración socio-laboral dos colectivos; número de beneficiarios; a continuidade, estabilidade e solvencia demostrada pola entidade solicitante, entre outros.

Axudas para libros e material escolar

Por outra banda, o Concello reserva este ano 7.000 euros para axudas destinadas á compra de libros de texto e material escolar para alumnos de centros públicos de primaria e secundaria do municipio, para o curso 2014-15.

Entre os requisitos esixidos para optar a estas axudas figura o de estar empadroado en Cambados e pertencer a unha familia con ingresos anuais non superiores a 24.000 euros.

O prazo de solicitude remata o vindeiro día 16 de xullo e todas aquelas persoas que desexen informarse ou recoller impresos deben dirixirse a biblioteca municipal Casa dos Fraga, en horario de mañá, de 9 a 14 horas.

18 de xuño de 2014 | 12:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.