Arrinca en Cambre a campaña da segunda edición do banco de Libros de Texto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambre
A-
A+

A concellería de Igualdade, Benestar Social, e Educación do concello de Cambre e as ANPAs “Castelao” do IES “Afonso X O Sabio”, ANPA “A Curuxa” do CEIP Portofaro, ANPA do IES David Buján, ANPA ”Fendetestas” do CEIP Wenceslao Fernández Flórez, ANPA do CEIP O Graxal, ANPA do CEIP Emilio González López e a ANPA “O Souto” do CEIP Gonzalo Torrente Ballester puxeron en marcha o II edición do Banco de Libros de Texto. Aínda que cada ANPA (e centro educativo) dispuxo do seu propio banco de libros de texto, elaboráronse unhas normas básicas de funcionamento para todos que favoreceron o contacto e a coordinación entre os bancos de libros de texto e igualan as condicións de acceso ao servizo.

Os datos que arroxou a posta en marcha da primeira edición foron moi positivos, segundo a edil de Educación, María Jesús González Roel, que asegura que serviu de proxecto pioneiro e que achegou datos relevantes para mellorar o sistema este ano e lograr chegar así a máis escolares dos centros públicos de Cambre.

Segundo os datos achegados polos técnicos municipais, 2.000 alumnos/as poderán beneficiarse deste banco de libros de texto este ano. En total, doáronse o pasado ano en todos os centros 1.586 libros dos que se repartiron 1.245.

“Este ano creemos que se multiplicará o fondo de libros doados e este crecemento dános unha idea da efectividade desta iniciativa que puxemos en marcha o pasado curso. Queremos sensibilizar a máis pais e alumnos para o próximo curso para que este banco beneficie aínda a máis alumnos”, apuntou a edil popular.

As ANPAS xestionaron todo o servizo desde cada un dos seus centros educativos mantendo un contacto directo cos técnicos municipais a través do programa informático que os técnicos elaboraron co obxectivo de manter un control dos exemplares doados, repartidos e dos baremos para a súa distribución.

Esta iniciativa precisou da implicación da comunidade escolar, ANPA, alumnado e familias para conseguir entre todos os seguintes obxectivos; favorecer a economía familiar, fomentar a solidariedade e fomentar a reutilización, o consumo responsable e sustentable e os valores medio ambientais. Ademáis, acordouse crear unha campaña informativa chamada “Dalles máis vida aos teus libros de texto!” que está dirixida aos CEIPs e IES do Concello de Cambre, e máis en concreto aos seguintes aos cursos de 3º a 6º de primaria, de 1º a 4º da ESO, e 1º e 2º de bacharelato.

Consiste na doazón por parte do alumnado dos libros usados durante o presente curso escolar e na solicitude dos libros que o alumnado precise para o novo curso escolar 2014 – 2015. Os libros teñen que estar en bo estado de conservación, polo que é fundamental concienciar e sensibilizar ao alumnado e ás familias no coidado dos libros e facer un bo uso deles durante o curso escolar.

A campaña é solidaria e universal, é dicir, tentará chegar a todas as familias participantes. As familias que doaron libros tiveron preferencia á hora de recibilos, pero ten que quedar claro, que no caso de non reunir o mesmo número de doazóns que de solicitudes, non se adquirirán dereitos, polo que, repartiranse os libros en función dun baremo equitativo que se acordou coas ANPAs.

Toda a información de inscrición, calendarios, horarios, prazos de entrega e recepción de libros pode consultarse na páxina web do concello http://www.cambre.es/cambre/banco-de-libros-de-texto/, ou nas Anpas dos centros públicos de Cambre.

12 de xuño de 2014 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.