Arranca a ludoteca de verán en Verín
A partir do 23 de xuño, máis dun centenar de menores participarán nunha nova edición do servizo de conciliación e coeducación “Convive en igualdade” (Ludoteca de Verán – Campamento Urbano), organizado pola Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Verín.
Esta iniciativa, que finalizará o 09 de setembro, desenvolverase en tres centros educativos de Verín (Módulos do CEIP Amaro Refoxo, CEIP Princesa de España) e nas dependencias municipais da Casa da Xuventude e Casa da Cultura. A mesma destinada a menores con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos, ten por obxecto conciliar a vida laboral e familiar dos proxenitores e cubrir o tempo vacacional dos/as menores.
A Ludoteca de Verán-Campamento Urbano contará nesta edición cun total de 20 monitores/as (sete de lecer e tempo libre, dez de voluntariado xuvenil e os/as restantes en prácticas), que serán as persoas encargadas de realizar actividades para os/as máis pequenos/as como cine infantil, contacontos, obradoiros de manualidades, repostería e cociña, maquillaxe infantil, recortables ou xogo libre; mentres que para os/as máis maiores terán lugar actividades de piragüismo, circuíto de karts, estacións de golf, gymcanas, rutas de sendeirismo ou acampadas nocturnas, entre outras.
Ademais para este servizo de conciliación e coeducación, que xa na súa primeira xornada contará coa visita do Educamóbil -no seu interior os/as menores poderán participar en iniciativas de lectura e música, xogos educativos e informática-, programaranse durante xullo e agosto actividades adicadas a diferentes temáticas como reciclaxe, ambiente, deporte, alimentación, saúde ou persoas maiores; celebrarase o San Fermín, tamén a actividade “Ponlle as pilas ao teu Bocata”, visita ao Parque de Bombeiros, piscina, Educamóbil, actividades coa Cruz Vermella, Visita as Instalacións da Policía Local e o desfile da Ludobatucada, no que eles/as mesmos/as realizarán os seus disfraces.











