APV e CEP colaboran para potenciar o Porto de Vigo como principal motor económico da cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

O Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, e o seu homólogo na Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), Luís Novoa, mantiveron esta mañá a primeira reunión institucional desde que Novoa asumiu a Presidencia da CEP en decembro de 2013.

Durante o encontro, no que tamén estiveron presentes a Directora do Porto vigués, Beatriz Colunga, e o Secretario Xeral da CEP, Medardo Arias, APV e Confederación avogaron pola necesaria colaboración institucional de face a potenciar a función do Porto de Vigo como motor de crecemento e prosperidade.

O presidente da CEP agradeceu a disposición do Presidente da APV por manter unha comunicación máis fluída cos representantes do tecido produtivo, de modo que se poidan expor propostas empresariais e compartir impresións sobre a planificación do desenvolvemento do Porto.

Neste sentido, López-Chaves explicou a Novoa a situación actual da dársena viguesa, facendo especial fincapé nas novas infraestruturas coas que conta o Porto olívico, como os traballos de “Mellora da Operatividade dos Peiraos Comerciais”. Unha obra que ambas as institucións cualificaron de imprescindible para a mellora do Porto de Vigo, ademais de garantir o futuro da terminal. Neste sentido, López-Chaves apuntou que o obxectivo é que o Porto estea mellor preparado que hai uns anos, o que suporá unha mellora no crecemento económico da cidade.

Autoestrada do Mar

Así mesmo, Autoridade Portuaria e empresarios analizaron a inminente posta en marcha da Autoestrada do Mar de Vigo, unha vez ratificada a cesión dos dereitos da sociedade explotadora de Acciona Trasmediterránea a Suardíaz, a naviera que actualmente realiza o servizo de PSA.

Tal e como explicou López-Chaves, este era un dos trámites pendentes para a posta en marcha da Autoestrada do Mar de Vigo, tras o visto e prace da Comisión Europea ás axudas de 3 millóns de euros da convocatoria do programa Marco Polo II. Unha condición imprescindible para garantir a legalidade das axudas de Estado que ascenden a 30 millóns de euros (15 millóns por parte de cada Estado membro) e para avalar que non vulneran a competencia.

O máximo responsable portuario indicou a Novoa que xa só resta o plácet da comisión intergobernamental hispano francesa e o posterior visto e prace dos Estados de España e Francia para que a Autoestrada do Mar entre os portos franceses de Nantes-Saint Nazaire e Lle Havre e os seus homólogos españois de Vigo e Alxeciras, sexa realidade.

26 de xuño de 2014 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.