Apróbanse as subvencións solicitadas polos concellos para a contratación de desempregados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou, na súa xuntanza desta mañá, a concesión de subvencións ós concellos para que poidan contratar persoal para o mantemento de bens e servizos municipais.

Os concellos, que tiñan ata hoxe mesmo para presentar a proposta de número e perfil dos operarios que precisan, presentaron xa as súas solicitudes co que foi posible aprobar xa a concesión das subvencións, que lles permitirá axilizar ó máximo a selección e contratación dos traballadores, que comezarán a traballar o vindeiro un de xullo.

A Deputación destina un total de 3,2 millóns de euros a esta finalidade, co obxectivo de permitir a contratación dunhas 800 persoas que nestes momentos carecen de prestación e que se atopan en situacións especialmente difíciles.

De feito, os concellos, que realizarán as contratacións a través do Servizo Público de Emprego, terán que dar preferencia ós aspirantes que carezan de ingresos, teñan as rendas máis baixas e teñan cargas familiares.

Esta iniciativa da Deputación ten dous obxectivos fundamentais: garantirlle ós concellos recursos humanos para atender necesidades básicas como mantemento de infraestruturas, limpeza viaria ou de espazos públicos, e realización de pequenas obras, entre outras tarefas que os concellos consideren necesarias; e, por outra banda,  contribuír a paliar o principal problema da provincia, que é o desemprego, empezando por darlle unha oportunidade ós que máis o precisan.

O plan da Deputación beneficiará a todos os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, que contarán con entre 6 e 20 operarios en función da poboación.

4 de xuño de 2014 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.