Aposta polas mulleres xitanas como protagonistas na promoción e participación da comunidade na sociedade galega

López Abella na visita á Fundación do Secretariado Xitano
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe en Lugo a sede da Fundación do Secretariado Xitano, onde destacou o papel protagonista das mulleres xitanas na promoción do pobo xitano, a través do diálogo, a capacitación e a crecente participación deste colectivo na sociedade. A secretaria recalcou que con este esforzo, estase a xerar cambios positivos, non só dentro da propia comunidade xitana, senón en toda a sociedade.
Malia os avances, López Abella tamén apuntou que este colectivo segue a ser o máis rexeitado socialmente e afectado polos procesos de exclusión social. Ademais, a secretaria recalcou que as mulleres xitanas séguense enfrontando a día de hoxe a grandes barreiras, converténdose nun colectivo dobremente discriminado, tanto pola variable de xénero como de etnia.
Dentro da súa labor, a Fundación Secretariado Xitano aborda diferentes ámbitos sociais importantes, como son o emprego, a educación -onde segue existindo unha fenda significativa en canto ao absentismo e abandono escolar fronte ó resto da poboación- vivenda, inclusión social ou saúde.
Dende o punto de vista da igualdade, no 2010 creouse o Grupo de Traballo sobre Violencia de Xénero para tratar dar resposta ás necesidades das mulleres xitanas nesta materia. Dentro deste Grupo creouse o protocolo de atención a xitanas vítimas de violencia de xénero, debido o grao de incidencia deste tipo de violencia na comunidade xitana.
A Fundación Secretariado Xitano é unha entidade social intercultural sen ánimo de lucro que presta servizos para o desenvolvemento da comunidade xitana no país e no ámbito europeo. O seu principal obxectivo é a promoción integral da comunidade xitana dende o respecto e apoio á súa identidade cultural, mediante ó acceso desta comunidade á dereitos, servizos, bens e recursos sociais en igualdade de condicións que o resto da cidadanía.
Segundo datos da propia Fundación, son 9.000 as persoas pertencentes a comunidade xitana que residen en Galicia.











