Apertura do prazo para solicitar subvencións en materia de participación cidadá
O Concello da Coruña, a través das Concellarías de Barrio que dirixen Carmen Hervada, Mariel Padín e Susana Pazo, informa da nova convocatoria de subvencións a asociacións veciñais da cidade sen ánimo de lucro en materia de participación cidadá, cuxo prazo se abrirá a próxima semana.
A principal novidade desta edición é o aumento da partida destinada á convocatoria que pasou dos 20.000 euros do pasado ano aos 36.000 euros en 2014, co obxectivo de chegar ao maior número de asociacións posible para darlles apoio naquelas actividades que fomenten a participación dos veciños. O obxectivo desta convocatoria, que vai pola terceira edición, é o de dinamizar as asociacións veciñais coruñesas; favorecer a relación entre as entidades e os cidadáns; e fomentar a convivencia veciñal.
As entidades solicitantes terán 30 días de prazo para presentar o seu proxecto, tras a publicación das bases. Subvencionaranse as propostas que sexan de interese social ou de utilidade pública como actividades formativas e educativas; programas culturais e de lecer destinados a toda a cidadanía con especial atención á infancia, adolescencia ou persoas maiores; e festas tradicionais populares de arraigamento cultural cuxa celebración contribúa a manter tradicións e costumes propios.
Con esta convocatoria preténdese tratar de difundir tanto o labor das entidades como as súas actividades para fortalecer as relacións cos veciños contribuíndo, deste xeito, a dinamizar o tecido asociativo veciñal.











